Partido Popular de Lugo

Miguel Lemos: “Acepto a responsabilidade como candidato á alcaldía co desexo e compromiso de traballar por e para Monforte”

28 de xaneiro, 2019. Miguel Lemos asegura que “veño á política a unir, achegar, sen afán de mando; senón de servizo á comunidade de tódolos monfortinos”. Así, acepta “a responsabilidade como candidato do PP á alcaldía de Monforte co profundo desexo de traballar por e para a cidade. O meu compromiso é inalienable”, engadiu durante a súa presentación ante os medios na que estivo arroupado pola presidenta provincial, Elena Candia, e polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. Tamén estiveron presentes membros do Partido Popular de Monforte, ex presidentes do PP local e compañeiros do PP provincial de Lugo.

 

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, asegurou que “é unha sorte poder contar cun activo para o partido como o que Miguel representa; un mozo novo, médico de profesión, comprometido con esta cidade e co seu futuro e cuxa disposición con este proxecto é total. A súa elección vén motivada pola existencia dun novo escenario no que o noso partido quere concorrer aos comicios de maio co mellor equipo para poder sacar a Monforte da parálise na que está instalada”, engadiu.

 

Nese senso, a popular indicou que “o señor Tomé non foi quen de asumir que se atopa nun Goberno en minoría no que é preciso dialogar para chegar a acordos. E nestes catro anos non foi capaz de confeccionar un proxecto de cidade. De feito, a última proposta que coñecemos del foi a de deixar aos monfortinos sen conexión directa por autovía entre a cidade do Cabe e Ourense”.

 

Candia apuntou que “o PP é o partido que cita tras cita elixen os cidadáns de Monforte, fomos o partido maioritario nas eleccións nacionais e nas autonómicas e queremos que así sexa tamén nos comicios municipais”. Por iso, “presentamos un candidato que conta co aval e o respaldo de todos os que foron presidentes do Partido Popular de Monforte e no que poñemos a nosa confianza para esta nova etapa”.

 

A dirixente dos populares lucenses puxo en valor o “encomiable labor” do Grupo Municipal Popular e da súa voceira, Julia Rodríguez. Miguel Lemos sumouse tamén ás palabras de agradecemento á voceira do Grupo Municipal do PP e ex presidenta local do Partido Popular “polo seu servizo ao pobo de Monforte”. O candidato popular á alcaldía apuntou que “fai catro anos convidoume a formar parte dun proxecto que lideraba con grandes ideas para Monforte e ensinoume que hai que ser constante e traballar a reo en política”.

 

Lemos asegurou que “abro as portas a tódalas persoas que se esforcen por Monforte, apostando pola súa industrialización e o emprego; así coma por mellorar a nosa cidade e a vida de tódolos veciños garantindo os seus servizos. Entre todos faremos posible un Partido Popular gañador”.

 

Nova xunta xestora local

Trala renuncia de Julia Rodríguez como presidenta da formación local e atendendo aos estatutos do Partido, faise necesario constituír unha xunta xestora que estará presidida por Miguel Lemos. “Nos vindeiros días darase a coñecer a composición completa desta xestora que se ocupará do día a día do partido ata a celebración dun congreso”, segundo indicou a dirixente provincial popular.

 

Currículo de Miguel Lemos

Miguel Lemos naceu no ano 1981. Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster Universitario en Xerontoloxía na especialidade de Xerontoloxía Social pola mesma universidade, tamén é especialista en Medicina Familiar e Comunitaria pola Unidade Docente de Medicina de Familia de Ourense. Conta cun diploma de posgrao en Puericultura e Pediatría. É profesor colaborador da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC.

 

Actualmente é médico en urxencias extrahospitalarias de Atención Primaria no PAC de Monforte de Lemos, pero tamén exerceu a especialidade de médico xerontólogo no Grupo Geriatros.

 

Formou parte da lista do Partido Popular nas pasadas eleccións municipais de 2015 e foi elixido compromisario pola maioría da militancia do PP de Monforte para o Congreso Nacional do pasado mes de xullo.