25 de xaneiro, 2019. A presidenta do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, valorou hoxe durante a Xunta Directiva Provincial a noticia feita pública onte polo conselleiro de Sanidade, quen anunciou que a Hemodinámica do Hospital Lucus Augusti ampliará en 24 horas o seu funcionamento a mediados de febreiro. A popular asegurou que a hemodinámica 24 horas é “unha moi boa nova” para os lucenses e demostra que “unha vez máis as melloras sanitarias en Lugo levan o selo do PP”.
Neste senso, a popular defende que o Goberno galego está a ratificar de novo o seu compromiso coa sanidade pública e demóstrase unha vez máis que o Goberno da Xunta de Galicia e o seu presidente “cumpre coa palabra dada aos lucenses, ao facer realidade o aumento de horario unha vez que o recomendaron os expertos”.
Polo tanto, a presidenta provincial do PP asegurou que o compromiso do Goberno galego coa sanidade “é claro e serio” e fixo referencia a datos, como é o “investimento de 4.000 millóns de euros neste 2019, o orzamento máis grande desde que existe o Servizo Galego de Saúde”, puntualiza. Elena Candia.
A maiores, engadiu que “a Xunta de Galicia vén traballando para mellorar e ampliar as prestacións da sanidade pública galega ampliando as plantillas e dotándoa de máis e mellores equipamentos e infraestruturas. Non hai que esquecer a recente ampliación do Hospital do Mariña que aumentou nun 33% a súa superficie”.
“Un éxito de todos”
O candidato á alcaldía do PP en Lugo, Ramón Carballo, asegurou que a hemodinámica 24 horas “foi un éxito de todos. Este servizo será unha realidade na nosa cidade grazas aos profesionais, aos pacientes, á sociedade lucense, aos medios de comunicación e tamén grazas a un Goberno sensible e a un presidente, Alberto Núñez Feijóo, que cumpre a súa palabra dada a Lugo. É de xustiza e por iso estamos agradecidos”.
Recibida esta “magnífica” noticia, dende o Partido Popular “seguiremos demandando a implicación de todas ás administracións para conseguir novas melloras para a “nosa cidade, o noso hospital e os seus profesionais, dos que estamos moi orgullosos e que seguen sendo unha referencia a niveis nacional e internacional”.
“Pataleta” de Santos
Por outra banda, a presidenta provincial do PP tamén lamentou a “pataleta” de Santos porque para os socialistas en Lugo “canto peor para todos, mellor para o PSOE. Acábaselle a manobra de empregar politicamente a sanidade e a dor dos veciños para atacar á oposición e obter beneficios electorais”. Ademais, a popular pide respecto “tendo en conta que as grandes melloras sanitarias na provincia levan o selo do PP e o legado socialista neste ámbito é moi escaso ou nulo. Procuran unha foto en lugar de traballar por garantir os servizos sanitarios aos lucenses”.