Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes denuncia un complot entre o alcalde e o presidente de Protección Civil para retrasar novas altas na Agrupación local de voluntarios

23 de xaneiro, 2019. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Cervantes e candidato á alcaldía, Javier Santín, traslada o seu malestar ante o retraso que se está a sufrir en Cervantes para dar novas altas na Agrupación Local de Protección Civil pese a existir solicitudes e denuncia, polo tanto, que “detrás deste feito se agocha un complot coa intencionalidade por parte do alcalde, o socialista Benigno Gómez, en conxunto co presidente de Protección Civil, de politizar a agrupación local”.

 

Javier Santín explica que dende o mes de setembro varios veciños solicitaron adherirse á Agrupación Local de Protección Civil, entre eles o propio candidato popular, co único afán de “involucrarse e implicarse cunha Agrupación que desenvolve un labor altruísta e moi necesario”. O candidato popular denuncia que “tanto a Xunta Directiva da agrupación local como o presidente, que tamén está habilitado segundo os estatutos para dar altas en caso de urxencia, non realizasen ningún trámite ao respecto e se limitasen a poñer escusas, como por exemplo delegar a responsabilidade ata que haxa unha reunión da asemblea”.

 

O candidato popular explica que “para facer o curso da Academia Galicia de Seguridade Pública, que habilita aos interesados para prestar este servizo, é necesario previamente ter a condición de voluntario de Protección Civil e esta adquírese tras darse de alta na agrupación local. Polo tanto, esta falta de xestión por parte do presidente e da directiva de Protección Civil na localidade ocasionou xa a finais de 2018 a perda dun curso da Academia Galega de Seguridade Pública e de continuar a darse esta situación, perderanse máis”, lamenta Santín.

 

O popular explica tamén que “en sesión plenaria se lle trasladou directamente esta circunstancia ao rexedor socialista quen argumentou que a Agrupación Local de Protección Civil ten autonomía para realizar estas xestións e, en ningún momento, nos deu unha resposta en positivo”.

 

Javier Santín considera totalmente inadmisible a xestión “excluínte e discriminatoria” que se está a dar na Agrupación Local de Protección Civil e rexeita que “se busque antepoñer intereses políticos a que en Cervantes exista unha agrupación máis extensa que poida dar unha maior resposta en materia de emerxencias”.

 

Implicación da Xunta

O candidato popular tamén se amosou crítico coa dobre actitude que amosa o alcalde socialista; xa que, mentres este martes foi recibir da man da Xunta material para o persoal de emerxencias da localidade, en concreto, un vehículo pick-up, non teña interese en que o número de voluntarios que integren a agrupación local sexa maior. “Ao alcalde só lle interesa o control e uso excluínte de Protección Civil”, lamenta.

 

Ante esta situación, Javier Santín remitirá de novo un escrito dando conta desta circunstancia á xestora da agrupación local, ao Goberno municipal e máis ao departamento responsable de Emerxencias na Delegación Territorial da Xunta.

 

Por último, o candidato popular quixo agradecer e poñer en valor de novo o compromiso do Goberno galego con Cervantes e, neste caso, coa Agrupación Local de Protección Civil.