Partido Popular de Lugo

O profesor Ángel Carracedo avoga por un sistema educativo que “eduque en valores e favoreza a innovación” nunha conferencia organizada polo PP lucense

17 de xaneiro, 2019. O profesor e doutor de Medicina Legal, Ángel Carracedo, trasladou hoxe as súas reflexións sobre o sistema educativo nunha conferencia sobre a educación inclusiva atendendo “ao respecto á diversidade e á potenciación das calidades de cada persoa. Soño cun sistema educativo que eduque en valores e favoreza sempre a innovación”, dixo. Foi nun acto organizado pola Comisión de Educación do Partido Popular de Lugo que preside Javier Vázquez e que se celebrou no salón de actos da Fundación Abanca de Lugo presentado polo director de El Progreso, Lois Caeiro.

 

Aproveitando os seus coñecementos no campo da xenética, Carracedo expuxo a importancia da diversidade dende o punto de vista biolóxico fronte a un sistema educativo que “se empeña en facernos iguais”, considera.

 

O profesor asegurou que “o sistema educativo español se centra na capacidade memorística do alumnado” en lugar de “fomentar outras calidades innatas dos seres humanos como son a curiosidade e a creatividade que, por outra banda, son a base da innovación e o motor do progreso da humanidade”. Neste sentido, o profesor aposta por un modelo educativo “máis flexible e personalizado” que “beneficie a tódolos rapaces e rapazas e aproveite os valores que ten cada un”.

 

O tamén doutor cre que “debemos educar no entendemento do mundo que nos rodea e basear as ensinanzas en experiencias vinculadas ás emocións que faciliten a comprensión e interiorización do aprendido por parte do alumnado”.

 

Nese sentido, Carracedo apuntou “a necesidade de adaptar contidos e metodoloxías” de cara á confección dun sistema educativo que “respecte a diversidade e prime o esforzo por riba do erros e que traballe a autoestima como unha das bases da intelixencia emocional”, concluíu.

 

Achegando o Partido aos lucenses

O PP da provincia de Lugo da un novo paso con este encontro co obxectivo de achegar o Partido á cidadanía dentro do seu compromiso de servizo público máis alá da xestión ou do labor de fiscalización. Así, a través das distintas comisións, ofrecemos información sobre os distintos sectores que operan na sociedade”. Neste caso, “temos que agradecer a presenza hoxe en Lugo do recoñecido doutor e profesor Ángel Carracedo para compartir as súas reflexións sobre o noso sistema educativo”.

 

Ángel Carracedo

Ángel Carracedo é Doutor en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela e Catedrático de Medicina Legal. Dirixiu o Instituto de Medicina Legal da USC e agora preside a Academia Internacional de Medicina Legal. Asemade é director de Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS) e do Centro Nacional de Genotipado (Ministerio de Sanidade). Xefe de grupo do CIBER de enfermidades raras (CIBERER) e do IDIS. O grupo de Medicina Xenómica que creou e dirixe consta de 10 grupos de investigación, varias plataformas tecnolóxicas e máis de 100 persoas. Publicou 8 libros e máis de 600 artigos en revistas internacionais incluíndo artigos en Nature e Science, ademais das principais revistas de xenética médica, cancro e medicina forense.

 

Recibiu numerosos premios entre eles a Medalla de Ouro de Galicia, a Medalla Castelao, o premio Jaime I -o máis importante de investigación en España concedido por un xurado de máis de 20 premios Nobeis, a Medalla Galien -coñecida como o Premio Nobel do medicamento-, a Medalla Adelaida -a distinción máis importante a nivel mundial en Medicina forense-, o Premio Nacional de Xenética, a Medalla ao Mérito Policial e da Garda Civil entre moitos outros. É Doutor Honoris Causa por varias universidades de América e Europa.