Partido Popular de Lugo

Héctor Corujo encabezará a candidatura popular á alcaldía do Incio

11 de xaneiro, 2019. Héctor Corujo será o candidato do PP á alcaldía do Concello do Incio. A proposta foi trasladada pola xunta directiva local á dirección provincial que participou hoxe no acto de presentación arroupando ao candidato xunto ao conselleiro de Medio Rural, José González, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, alcaldes e portavoces populares da comarca, deputados e senadores.

 

Funcionario no propio Concello do Incio, Corujo é “coñecedor da realidade da xestión municipal e tamén das necesidades dos veciños e veciñas”. Así, afronta este reto convencido de que “os políticos son útiles na medida en que axudan a mellorar as condicións de vida da sociedade”.

 

A presidenta do Partido, Elena Candia, puxo en valor “esta vontade e capacidade de traballo” do candidato e a súa implicación cun proxecto que pretende “devolver ao Concello do Incio unha xestión que teña en conta a realidade diaria do municipio e as necesidades dos seus veciños”; pero que tamén “poña en valor as súas posibilidades”.

 

A dirixente dos populares da provincia asegurou que “todo canto se fixo no Incio é responsabilidade e froito de gobernos do PP. Sen ir máis lonxe, os proxectos máis recentes e destacados no Incio débense á Xunta de Galicia que ven de presentar un proxecto de para restaurar a igrexa de Santa Cruz do Incio, paso previo para a súa futura declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). Tamén a administración autonómica gobernada polo PP amosou o seu compromiso coas comunicacións da zona co arranxo da estrada autonómica LU 642”, engadiu.

 

Candia, tamén voceira do Grupo Provincial Popular, recorda que “tivo que ser o Grupo Provincial do PP o que presentara iniciativas na Deputación de Lugo para dar cumprimento ao convenio asinado no ano 2006 entre a Deputación, Suplusa e o Concello que recollía a restauración completa da Casona e que o Goberno do PSOE está a paralizar porque, incluso, queren tirar a infraestrutura“.

 

Sobre este asunto tamén os populares do Incio presentaron numerosas iniciativas poñéndose do lado dos veciños e veciñas que se mobilizaron para reclamar a rehabilitación da Casona. A presidenta do PP ten palabras de agradecemento ao Grupo Municipal “polo seu traballo e dedicación neste e noutros asuntos de interese para os veciños e veciñas do Incio”. A este agradecemento sumouse o candidato á alcaldía incidindo tamén no labor da xunta xestora local.

 

Desorganización” na xestión municipal

Héctor Corujo lamenta a “desorganización” na xestión do actual goberno municipal. Nese senso, o candidato popular aposta por “organizar e planificar os servizos que presta o Concello”. Algúns dos exemplos de falta de coordinación atópase no servizo de recollida do lixo que “que agora se realiza unha única vez por semana modificando as rutas constantemente”. Así, Corujo asegura que “se trata dun servizo malo e moi caro” porque “o Concello adquiriu un novo camión moi voluminoso que non accede a tódolos núcleos, pero con pouca capacidade que o obriga a facer varios viaxes”. Tamén é necesario, avanza, “limpar estradas e pistas no seu tempo e acondicionar os accesos ás fincas”.

 

“Un dos asuntos sobre os que debemos traballar primeiro é o problema da suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI), coñecido como contribución. Catastro considera solares a algunhas parcelas que deben tributar como tal, pero coa modificación do Plan Xeral daríase solución a este problema”. Corujo explica que “eses traballos xa quedaron iniciados no 2010 co goberno do PP e case dous mandatos despois co actual goberno do PSOE está sen aprobar”.

 

Posta en valor do patrimonio natural e arquitectónico

O candidato popular aposta por “poñer en valor e dar a coñecer o noso concello situado estratexicamente entre O Courel e a Ribeira Sacra” e que conta cunhas paisaxes naturais dominadas polos soutos que “nada teñen que envexar a outros municipios”. Corujo cre no potencial turístico do municipio ao que define como “porta de entrada natural ao Courel”.

 

Non se esquece o candidato á alcaldía do Incio dos valores arquitectónicos do seu municipio como son “a Igrexa do Hospital do Incio situada ao lado do Camiño Francés e declarada Ben de Interese Cultural (BIC), a Igrexa de Santa Cruz do Incio en proceso de declaración de BIC, ou a figura de San Eufrasio” que cre “se debería divulgar”.

 

Currículo

Héctor Corujo, nado no 1970 na Cruz do Incio, é funcionario no Concello do Incio. Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela accedeu xa ao posto de funcionario da administración local aos 24 anos. Foi presidente da ANPA do colexio do Incio.