Partido Popular de Lugo

Manuel Rouco: “Burela precisa un cambio de rumbo no Concello para recuperar os catro anos perdidos polos socialistas que non impulsaron proxecto ningún”

9 de xaneiro, 2019. Manuel Rouco será o candidato do PP á alcaldía de Burela nas vindeiras eleccións municipais tal e como acordaron de xeito unánime os membros da xunta directiva local. Un reto que asume co obxectivo de “facer posible un cambio de rumbo no Concello para recuperar os catro anos perdidos. O goberno socialista non impulsou neste tempo ningún proxecto e foi a Xunta, con goberno do PP, o principal motor dos investimentos no municipio durante este período”.

 

O candidato popular foi presentado hoxe ante os medios arroupado pola presidenta provincial, Elena Candia, e polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. Tamén estiveron presentes o secretario xeral do PP lucense, Carlos Armesto; membros da xunta directiva e do Grupo Municipal Popular.

 

Rouco explicou que “é unha responsabilidade e unha honra para un veciño coma min que no seu día coma tantos outros escolleu esta vila para residir e formar unha familia, que o Partido máis importante de Galicia en representación parlamentaria, afiliados e votantes o escollera para encabezar un proxecto novo e ilusionante para o seu pobo”.

 

O candidato agradeceu tamén a confianza da xunta directiva local que avalou o seu nomeamento e quixo poñer en valor o traballo conxunto desenvolvido ao longo do último ano no que “visitamos asociacións e empresas e escoitarmos aos veciños e veciñas” porque “os bureleses e burelesas son o máis importante para construír unha vila que vai ser o que os seus veciños e veciñas queiran”.

 

Rouco cre que “de pouco serve trazar plans de costas á xente, dicir a todo que si e despois non facer absolutamente nada”. O candidato popular remítese ás probas como son “as grandes promesas incumpridas polo alcalde e o seu equipo de goberno coma o plan de tráfico ou o cambio de ubicación do mercado sobre os que nada se sabe. Pero a isto hai que engadir tamén a promesa de municipalizar o servizo de recollida de lixo que, aínda por riba, encareceu. Basta xa do poido prometer e prometo. Os veciños e veciñas de Burela precisan feitos, realidades e certezas”, asegura.

 

O candidato popular explica que “como veciño de Burela preciso que o Concello nos facilite o día a día a través de pequenas xestións e tamén que execute proxectos realistas e necesarios. É o caso do PXOM que debe ser desenvolto e mellorado con pequenas modificacións puntuais e tamén o do polígono industrial que é necesario para o asentamento de empresas porque sen empresas non hai traballo e sen traballo a xente marcha do pobo. De feito, nos últimos catro anos con goberno socialista Burela deixou de ser o líder indiscutible do crecemento demográfico na Mariña”.

 

Dinamización dos sectores comercial, turístico, pesqueiro e forestal

Rouco considera imprescindible “a dinamización do comercio local a través de accións concretas que supoñan un reclamo para que os centos de persoas que visitan a vila cada día tamén escollan Burela para as súas compras”. E tamén defende a potencialidade do municipio que merece “deixar de ser o irmán pequeno do turismo na Mariña”. Igualmente, “débese potenciar e fortalecer o sector pesqueiro, sen o cal Burela non existiría como concello; pero sen deixar de lado ao sector forestal, o gran esquecido”.

 

Por outra banda, segundo apuntou o candidato popular “Burela é o concello coa poboación máis rexuvenecida da Mariña”. Así, “para garantir unha educación de calidade para os nosos nenos e nenas, as instalacións educativas dependentes do Concello deben estar en óptimas condicións”.

 

Finalmente, o candidato do PP á alcaldía incide en que “a pesar que algúns xa querían facer crer que desaparecería o Hospital da Mariña que, pola contra, foi ampliado; este ten que ser un dos piares básicos, conxuntamente co sector marítimo-pesqueiro, o industrial, o comercial e o educativo, para vertebrar o futuro de Burela”.

 

De feito, avanza que “traballamos xa na Burela do século XXI” con veciños e veciñas novos, con formación específica na súa área e dispostos a involucrarse coa nosa vila; pero tamén precisamos a confianza da maioría dos bureleses e burelesas para facer posible un cambio de rumbo. “Agardamos que o que vexan lles guste tanto que decidan non deixarnos marchar”, conclúe.

 

Candia: “Todo canto se fixo en Burela é froito de gobernos do PP”

Pola súa banda, a presidenta provincial do PP, Elena Candia, comprácese en presentar como candidato á alcaldía de Burela a “unha persoa nova que da un paso adiante amosando o seu dobre compromiso: co Partido e co proxecto que estamos a deseñar para Burela. Manolo Rouco é unha persoa que nos ten demostrado a súa motivación e que elixiu Burela para formar a súa familia. Un mozo cos pés na terra e coñecedor da realidade do pobo, non da burbulla dun despacho, senón do que acontece na rúa no día a día”.

 

Candia engadiu que “este Concello é un bo espello no que ver reflectida a xestión do Partido Popular porque todo canto se fixo en Burela é responsabilidade e froito de gobernos do PP. Así o foi cando se gobernaba e así segue sendo desde a Xunta de Galicia, a administración que demostra un maior compromiso con este Concello e a que máis investimentos realiza nel. É o caso do investimento no hospital, que evidencia o compromiso da Xunta con toda a Mariña; a pesar de que o bipartito a negou ata a saciedade e que incluso se atreveron a dicir que o hospital ía pechar”. Con todo, “o investimento de 20 millóns de euros supón non unha simple ampliación, senón unha remodelación integral do hospital público da Mariña lucense”.

 

“As grandes obras en infraestruturas en Burela tiveron e teñen o selo da Xunta do PP. Algúns exemplos son a nova escola infantil, o vial de acceso ao porto ou das sucesivas ampliacións das dársenas, todas elas obras impulsadas pola Xunta e moi demandadas polo sector pesqueiro. Traballo feito e traballo comprometido de cara o futuro, como a remodelación integral do Colexio Virxe do Carme ou a nova estación depuradora”, recorda a presidenta dos populares lucenses.

 

“Todos estes logros contrastan claramente coa falta de traballo e de compromiso do Concello. Foron catro anos perdidos. Catro anos de promesas incumpridas que pasarán á historia por uns asfaltados moi polémicos e sen consenso con veciños e comerciantes”, lamenta Candia.

 

“É moi triste ter que dicir que a persoa que o substitúa non terá que rematar ningunha obra, porque non hai ningunha empezada. Nin tan sequera conseguiron investimentos relevantes da Deputación de Lugo, pese a ser da súa mesma cor política. Tivo que ser o PP grazas ao Plan Único o que conseguiu o maior esforzo para Burela por parte da administración provincial. Foi o PP o partido que estes anos levou a cabo os grandes proxectos e avances en Burela e así será tamén a nivel local se conseguimos a alcaldía”, avanza a presidenta do PP que tamén aproveitou para “agradecer ao Grupo Municipal a dedicación e o traballo feito ao longo deste tempo”.

 

Currículo

Manuel Rouco naceu no ano 1977 e dispón dun graduado en Enxeñería Agrícola e do Medio Rural pola Universidade de Santiago de Compostela, unha enxeñería técnica nesta mesma rama na especialidade de Mecanización Agraria e Construción Rural, ademais dun mestrado en Prevención de Riscos Laborais.

 

A maior parte da súa actividade profesional estivo relacionada coa dirección e execución de proxectos de infraestruturas en ámbitos medioambientais, de hidráulicas, forestais e de construción polo que dispón dunha ampla experiencia de xestión.

 

No ámbito político Manuel Rouco traballou en tarefas de asesoramento técnico na Deputación Provincial de Lugo na Delegación de Medio Rural durante o tempo en que esta institución estivo presidida polo Partido Popular.