Partido Popular de Lugo

O PP da Fonsagrada asegura que “o alcalde non mira polos intereses dos veciños” tras coñecer que o Concello perde o Grupo de Emerxencias Supramunicipal

29 de decembro, 2018. O PP na Fonsagrada asegura que “o alcalde non mira polos intereses dos veciños e veciñas” tras coñecer que o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Fonsagrada xa non terá como sede o noso municipio.

 

Os populares amosan a súa “tristeza” e “impotencia” ante a perda dun servizo que consideran “básico” para os cidadáns e máis concretamente nun municipio de montaña. Nese sentido, aseguran que “os fonsagradinos e fonsagradinas non merecemos ter un alcalde que está máis ausente que presente no municipio demostrando o pouco que lle importamos”, indican.

 

 

Destrución de emprego

Os populares non entenden como o alcalde da Fonsagrada permite que se suprima este servizo cando “ten custe 0 para o Concello”. É máis, dende o PP local critican que “o rexedor socialista teña malgastado máis de 200.000 euros de todos os fonsagradinos e fonsagradinas en avogados e indemnizacións; e, aínda por riba, destrúa 12 postos de traballo que contribuirían a xerar riqueza na nosa vila”.

 

Polo tanto, dende o PP da Fonsagrada amósanse convencidos de que “un alcalde que destrúe emprego, malgasta diñeiro público e reduce servizos básicos na súa vila, non está mirando polos intereses de todos e todas”.

 

 

Parabéns para as administracións que traballan por mellorar os servizos

Dende o PP da Fonsagrada teñen palabras de agradecemento tanto para a Xunta de Galicia coma para as administracións locais que procuran un maior financiamento e unha mellora das condicións do servizo de emerxencias. Destacan, ademais, que “incluso se están implementando novos equipos GES en zonas que ata agora non contaban con este servizo; mentres que A Fonsagrada, o concello máis extenso de Galicia, o perde”.

 

Concretamente, trasladan os seus parabéns aos veciños e veciñas do municipio de Baleira, concello candidato a converterse na sede deste servizo, por “contar cun alcalde que procura atraer servizos para o municipio e non suprimilos”.