Partido Popular de Lugo

O PP logra o acordo unánime para que a Deputación execute o ensanche e mellora da circunvalación do Burgo

26 de decembro, 2018.– O Grupo Provincial Popular logra o apoio unánime da Corporación Provincial para que a Deputación poña en marcha de forma urxente todas as accións necesarias en relación ao proxecto de ensanche e mellora da estrada provincial CP2901 desde o punto quilométrico 3,3 ata o 5,4, unha vía que vai desde a LU-232 a Palas de Rei e que transcorre polo Burgo e Vilamaior de Negral.

 

Os populares indicaron que “este proxecto comezou en abril de 2006 en base aos acordos de aprobación do Plan de Obras e Servizos e Plan Provincial de Estradas do 2005, nos que figuraba a obra, acadando a súa aprobación definitiva no ano 2015. Posteriormente, en xaneiro do 2016, o pleno do Concello de Lugo debatía este mesmo asunto acadando un acordo unánime para instar á Deputación como titular da vía a levar a cabo esta actuación que despois de máis de 10 anos continúa no esquecemento; a pesar de que non existe impedimento para que se desenvolva este proxecto”.

 

Dende o Grupo Provincial Popular cren que se trata “dunha obra moi necesaria” porque sacaría o tráfico rodado da travesía do Burgo, onde coinciden o Camiño Primitivo e a estrada provincial, pola que transitan tanto os peregrinos como o tráfico rodado “xera múltiples situacións de risco para a integridade física de tódolos usuarios da vía”. Pero, ademais, os populares recordaron o mal estado desta estrada provincial derivado da falta de canalización dunha fonte que pode entrañar risco de inundación e agravar, máis aínda, o estado da mesma”.

 

Os populares tamén recordaron que “o vindeiro ano 2021 será ano Xacobeo polo que é necesario acometer os traballos de mellora tendo en conta que aumentará a afluencia de peregrinos”.

 

 

Amtega

O Pleno da Corporación Provincial aprobou por unanimidade, cunha emenda de engádega proposta polo Grupo Popular, unha moción coa que instar á  Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ao Goberno do Estado e ás compañías e operadoras telefónicas a mellorar a cobertura de telefonía móbil nos concellos da provincia de Lugo.

 

É que os populares recordaron que “ademais da Xunta, tamén o Goberno do Estado e as propias compañías de telefonía teñen competencias no despregamento da banda larga tamén nas zonas rurais e concretamente o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo en relación á cobertura 5G”.

 

Os deputados populares engadiron tamén que “a Xunta, a través da AMTEGA, está a ofrecer axudas de ata 20.000 euros coas que contribuír a cubrir as deficiencias na cobertura ata 30 MB a autónomos e empresas do rural”.