26 de decembro, 2018.- O Grupo Provincial Popular logrou no pleno da Deputación de Lugo o apoio unánime para que a institución provincial licite canto antes as obras que permitan o inicio da construción da residencia da terceira idade e centro de día no Concello de Folgoso do Courel.
Os populares recordan que o pasado mes de agosto o presidente da Deputación Provincial de Lugo, o socialista Darío Campos, e a alcaldesa do Concello de Folgoso do Courel, Lola Castro, asinaron un convenio para dotar dunha residencia da terceira idade e un centro de día ao Concello con capacidade para 52 usuarios.
Desde o Grupo Provincial Popular denuncian o retraso nas obras, despois de que en agosto o presidente da Deputación Provincial de Lugo avanzase ante numerosos veciños e veciñas na visita ao Courel que a licitación se faría en setembro e as obras darían comezo no último trimestre do ano. Sen embargo, “desde aquel día non houbo avance algún na actuación, de maneira que a demolición do colexio onde se emprazará a residencia segue sen levarse a cabo, acumulando xa un retraso notable con respecto á data anunciada polo máximo responsable do Goberno provincial”, indican.
Unha obra impulsada polo PP
Os populares lembran que “foi durante o Goberno Popular na Deputación cando se iniciaron os trámites para esta infraestrutura que non estaba nos plans dos socialistas ben por ser un municipio da Montaña ou por estar gobernando polo PP”.
Nese senso, dende o Partido Popular subliñan que esta intervención “supón saldar unha débeda histórica co Concello de Folgoso do Courel” polo que, urxen á Deputación Provincial de Lugo a que mova ficha e licite canto antes as obras de construción do novo centro, posto que o Concello xa tiña realizado no mes de agosto, cando se asinou o convenio, os trámites que lle correspondían”.
Así, dende o Grupo Provincial do PP lémbranlle aos socialistas que hai tres residencias que contan co Permiso de Inicio de Actividade (PIA) pero cuxa apertura se “vai retrasar pola súa mala xestión”, polo que lles pedimos “un compromiso firme e que as obras se inicien xa” para darlle resposta aos veciños e veciñas.