Partido Popular de Lugo

Os afiliados do PP de Muras elixen a Eugenia Requeijo para liderar un proxecto que, “centrado nos veciños”, lles permita recuperar a alcaldía

23 de decembro, 2018. Os afiliados do Partido Popular de Muras elixen a Eugenia Requeijo para liderar o proxecto, “centrado nas persoas”, co que o PP busca recuperar a alcaldía nas próximas eleccións municipais do vindeiro ano. Durante unha xuntanza celebrada onte, na que participou a presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, os afiliados da agrupación local aprobaron a candidatura desta técnico de informática, que encabezará a lista do PP “coa motivación de construír un proxecto conxunto, de todos para todos, que logre o apoio maioritario da veciñanza e que faremos escoitando aos nosos veciños e veciñas e implicándonos na achega de solucións as súas demandas”.

 

No transcurso da reunión, Elena Candia valorou e agradeceu o traballo que está a desenvolver o Grupo Municipal do Partido Popular no municipio, sempre involucrado dun xeito “moi entregado e destacable ao servizo das peticións dos veciños”.  Uns agradecementos ao Grupo Popular aos que se sumou tamén a candidata popular, quen destacou que, “se aportaron ideas nos últimos tres anos e medio que, desafortunadamente, non contaron nos plenos co apoio do equipo de Goberno local. Iso si, despois presentaban outras propostas con ideas similares para colgarse as medallas”.

 

Elena Candia tamén trasladou a súa total confianza e respaldo á agrupación local e a Eugenia Requeijo “coñecedores das necesidades do municipio; persoas que apostan por este pobo e polo seu rural, convencidos de que o PP é a mellor forza política para impulsar o mellor futuro posible para a localidade, centrándose nos seus recursos e no seu potencial”.

 

 

Proxecto

A candidata afronta “con ganas de traballar”, este novo reto de “compromiso con Muras e coas necesidades de tódolos veciños e veciñas”. Deste xeito, cre firmemente que “o Partido Popular é o que mellor pode defender os seus intereses como demostran, por exemplo, as políticas da Xunta de impostos cero no rural e de apoio ás persoas con dependencia”.

 

Eugenia Requeijo considera, precisamente, que dende o Concello se debe traballar na defensa do rural fomentando a gandería e poñendo en valor os produtos da zona coma o mel, as setas e as castañas. Pero “tamén é imprescindible manter en bo estado os camiños e pistas do municipio para facilitar as comunicacións aos agricultores e gandeiros que as empregan no seu día a día”.

 

Igualmente, avanza o seu desexo de traballar “para garantir o abastecemento de auga aos veciños e veciñas de Muras e para impulsar o polígono industrial no que os  mureses e muresas están especialmente interesados”.

 

“Entre outras necesidades que xa detectamos e outras nas que traballaremos nos próximos meses recollendo as ideas de todos e todas, atópase o da atención aos nosos maiores”, explicou a candidata do PP. A popular coñece de preto as necesidades dos veciños e veciñas de cara á atención das persoas maiores e dependentes porque “vivimos nun concello rural que se dedica principalmente á gandería e que conta con moita poboación envellecida”. Nese sentido, é consciente da necesidade de apoiar e ofrecer recursos próximos que axuden ás familias a coidar e atender do mellor xeito posible aos mureses e muresas que así o precisen, mentres os propios coidadores e coidadoras desenvolven a súa actividade diaria con normalidade”.

 

 

Currículo          

Eugenia Requeijo é técnico superior de desenvolvemento de aplicacións informáticas e desenvolveu a súa actividade profesional como docente no eido da ofimática en diversas academias de formación. Tamén traballou como técnico de informática e responsable de prevención de riscos no Concello de Muras.

 

Eugenia Requeijo encabezará por primeira vez a lista do PP no seu municipio natal.