Partido Popular de Lugo

Os populares de Burela acusan ao alcalde de “ser incapaz de acelerar os trámites da xestión diaria do Concello”

Burela, a 21 de decembro de 2018.- O Grupo Municipal Popular de Burela censura “a incapacidade do alcalde por acelerar os trámites da xestión diaria dun Concello como demostra a tardanza de dous anos e medio en resolver un recurso presentado por Copasa contra un acordo desta Corporación”.  Así o manifestan os populares despois de que “o Pleno estimara o recurso presentado no mes de xuño do 2016 contra un acordo plenario adoptado cos votos do PSOE e do BNG onde se lle denegaba o carácter de interese social das obras de ampliación do hospital de Burela por entender que estas obras beneficiaban aos cidadáns de fóra do municipio”.

“Agora, dous anos e medio despois, queda demostrado que o acordo plenario adoptado no seu día cos votos en contra do PP foi un auténtico erro”. Os populares xa se posicionaran “en contra da non declaración de interese social por entender que precisamente había uns meses que se concedera ese mesmo carácter de interese social á ampliación do IES Perdouro, un instituto no que tamén reciben formación alumnos e alumnas de toda a comarca”, indican.

O Pleno da Corporación Municipal de Burela debateu hoxe tamén outros asuntos transcendentes para o Concello. Un deles foi a aprobación da ordenanza de uso do auditorio, así coma do cobro de entradas. A este respecto os populares presentaran en marzo unha moción que fora aprobada por unanimidade dos grupos políticos da Corporación e que “o equipo de Goberno tardou nove meses en presentar ao Pleno a pesar de ser sinxela a súa redacción”.

O Grupo Municipal Popular do Concello de Burela presentaron suxerencias durante o período de tramitación desta ordenanza para que o regulamento de uso das instalacións municipais susceptibles de acoller actividades de tipo cultural ou social foran tamén incluídas nesta ordenanza. A pesar de que “a día de hoxe non é factible, apoiamos a súa aprobación porque é mellor ter isto que non ter nada”. É máis, os populares recordan que “fomos nós os impulsores desta ordenanza”.

 

Novo servizo de recollida de lixo e limpeza viaria

Os edís populares xa pediran a paralización do expediente de contratación do novo servizo de recollida de lixo e limpeza viaria que hoxe se tratou no pleno. Dende o PP explican que “o alcalde acepta un incremento de algo máis de 110.000 euros ao ano por este servizo que os populares consideramos esaxerado cando o propio alcalde ten manifestado que o servizo funcionaba moi ben. Non entendemos por que se sube agora o prezo”.

Sobre este asunto, explican os edís do Grupo Popular que “os postos de traballo, que non se corresponden co persoal do que dispón a empresa concesionaria, van diminuír co novo contrato. É dicir, haberá menos persoal traballando e o servizo vai ser máis caro. Esta foi a razón polo que nos opuxemos a este expediente e propuxemos que quedase sobre a mesa para revisar os seus pliegos".

 

Orzamentos municipais para o 2019

“Os orzamentos municipais do Concello de Burela aprobados en Pleno para o 2019 demostran o fracaso do alcalde”, lamentan dende o PP. “As contas par ao vindeiro ano demostran que non hai proxecto, nin se aprecian iniciativas para que Burela xere emprego e riqueza de cara ao asentamento da poboación. É máis, o maior incremento dos gastos do Concello correspóndese co aumento do prezo da contratación do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria”, critican.

Por outra parte, “non hai nestes presupostos ningunha partida para o pretendido novo pavillón de Burela que demostra, unha vez máis, a nefasta xestión do alcalde. O Grupo Municipal do PP votou, polo tanto, en contra”.