Partido Popular de Lugo

O PP anuncia a Antonio Riveira como candidato á alcaldía de Xermade

20 de decembro, 2018. Antonio Riveira será o candidato do PP á alcaldía de Xermade. Así foi presentado ante afiliados e simpatizantes xermadeses nun acto celebrado en Momán que contou tamén coa presenza da presidenta provincial, Elena Candia, e o secretario xeral do Partido, Carlos Armesto; ademais doutros membros da formación coma senadores, deputados provinciais e autonómicos.

 

O presidente local do Partido Popular, enxeñeiro agrícola de profesión, encabezará por primeira vez a lista dos populares no municipio, despois de formar parte do equipo de Goberno durante 12 anos nos que dirixiu a concellería de obras e exercer como voceiro municipal neste último mandato.

 

Riveira asume agora o reto de “recuperar o bo goberno en Xermade a través dunha xestión eficiente e razoable tal e como merece o noso municipio e que ninguén defende mellor que o Partido Popular”. Nese sentido, avanzou que “traballaremos duro, con humildade e honradez, para prestar servizo e apoio aos veciños e veciñas”. Precisamente a súa profesión permítelle estar preto da xente tratando de dar resposta a algúns dos seus problemas. “O meu compromiso seguirá sendo o do servizo público aos veciños e veciñas”, asegura.

 

Un dos obxectivos do candidato popular será o de “construír un concello atractivo para que se asente a poboación”. E, para iso aposta por favorecer a implantación de empresas e por facilitar os servizos aos veciños e veciñas. “É imprescindible axilizar os trámites municipais a empresas e particulares”, asegura Riveira. Pero tamén engade que “a Administración municipal debe estar ao seu servizo e contribuír na difusión e posta en coñecemento dos veciños e veciñas sobre as axudas doutras Administracións en distintas materias coma o emprego, o impulso de proxectos ou a rehabilitación de vivendas, por poñer algúns exemplos, para que se poidan ver beneficiados”.

 

Riveira tamén reivindica a necesidade de “garantir dende o Concello os servizos mínimos da súa competencia como son o saneamento ou o acondicionamento de camiños municipais”. A este respecto, o candidato popular lembra que “terá que volver o Partido Popular a gobernar en Xermade para renovar a depuradora de Momán que actualmente verte ao río de forma ilegal”. E, ante o abandono dos camiños, Riveira aposta pola súa conservación co obxectivo de que “lles sexan útiles no seu día a día aos agricultores e gandeiros, principalmente”.

 

Con respecto ao sector primario, o principal motor económico de moitas familias xermadesas, o candidato do PP á alcaldía cre necesario “mellorar a estrutura da propiedade co obxectivo de aumentar o tamaño das fincas e que, polo tanto, favoreza o crecemento das explotacións agrogandeiras”. A este respecto, engade tamén Riveira que “a Xunta xa contribúe a esta finalidade coas súas políticas de impostos cero para compras e permutas de propiedades no rural”.

 

O popular fai fincapé tamén na necesidade de “mellorar e ampliar o servizo de axuda no fogar para atender aos veciños e veciñas que o necesitan”. Nese senso, Riveira recordou “o incremento da aportación da Xunta que permite aumentar o servizo” e puxo en valor “o traballo do PP e Elena Candia á fronte do Goberno da Deputación que, durante tres meses, foi capaz de sentar as bases para un cambio de políticas sociais que contribuíron a incrementar as axudas dirixidas a quen máis o necesita”.

 

Por último, Riveira non quixo esquecerse do patrimonio arquitectónico, natural e cultural do municipio. “Temos que estar orgullosos do noso e da nosa historia”, manifesta. Así, tras apostar polo campo de traballo arqueolóxico na Neveira, propón tamén un museo de etnografía e antropoloxía en Xermade.

 

 

“Condena” da Deputación aos xermadeses e xermadesas

A presidenta provincial e voceira do Grupo Popular Provincial, Elena Candia, apostou por un Goberno do PP en Xermade para recuperar “unha xestión comprometida coas necesidades reais e máis inmediatas dos xermadeses e xermadesas”.

 

Así mesmo, Candia lamentou a “nefasta” xestión socialista tanto no Concello coma na Deputación Provincial. De feito, a popular recordou “o castigo a Xermade dende o Goberno provincial do PSOE en relación ás súas achegas en apoio aos Concellos. Non foi ata que o Grupo Popular na Deputación apostara polo Plan Único cando se conseguiu un reparto equitativo para tódolos Concellos da provincia que, na actualidade, permite que Xermade reciba un mínimo de 350.000 euros ao ano para distintas actuacións”.

 

Igualmente, “o Goberno provincial do PSOE condenou aos veciños e veciñas co acondicionamento da estrada Momán – As Pontes; xa que esta estrada construída fai un século e agora aglomerada quedará con todas as limitacións que tiña porque nin se tratou de reducirlle as curvas. E, aínda por riba, castigou aos veciños e veciñas a ceder gratuitamente os terreos para un ben público”, criticou Candia.

 

 

 

Currículo

Antonio Riveira é natural da parroquia xermadesa de Miraz e desenvolve a súa actividade profesional como enxeñeiro técnico agrícola nunha oficina técnica situada na parroquia de Xermade. A súa profesión permitiulle estar en contacto constante cos veciños e veciñas para dar resposta ás súas necesidades e asesoralos en asuntos técnicos.

 

É o presidente da asociación cultural Roteiros da Carba, unha entidade que nace co obxectivo de defender a conservación e difundir o patrimonio artístico e cultural da zona. O seu interese polo patrimonio artístico e natural do municipio queda reflexado nos seus estudos históricos. Con algúns deles conseguiu o primeiro premio do certame Xermade na Historia nas súas dúas edicións: na terceira cun traballo sobre o patrimonio do concello e na cuarta cun traballo en coautoría sobre o período prehistórico no termo municipal.

 

Forma parte da corporación municipal dende o ano 2003 como integrante da lista encabezada polo ex rexedor popular Tomás Rodríguez Arias. Dende entón exerceu como concelleiro de obras durante tres mandatos populares no municipio. Dende o 2015 é o voceiro municipal do PP e dende o 2017 preside tamén a agrupación local.