Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP pedirá no Pleno que a Deputación de Lugo licite “canto antes” as obras que permitan o inicio da construción da residencia do Courel

19 de decembro, 2018.- O Grupo Provincial Popular pedirá no próximo pleno que celebre a Deputación de Lugo a través dunha moción que licite canto antes as obras que permitan o inicio da construción da residencia da terceira idade e centro de día no Concello de Folgoso do Courel. Demandarán ademais que se lle dea traslado do acordo adoptado ao propio Concello.

 

Os populares recordan que o pasado mes de agosto o presidente da Deputación Provincial de Lugo, o socialista Darío Campos, e a alcaldesa do Concello de Folgoso do Courel, Lola Castro, asinaron un convenio para dotar dunha residencia da terceira idade e un centro de día ao Concello con capacidade para 52 usuarios. As instalacións serán emprazadas nun edifico que será construído no espazo ocupado polo antigo colexio de Primaria de Folgoso, que previamente ten que ser demolido.

 

 

Sen avance nas actuacións

Desde o Grupo Provincial Popular denuncian o retraso nas obras, despois de que en agosto o presidente da Deputación Provincial de Lugo avanzase ante numerosos veciños e veciñas na visita ao Courel que a licitación se faría en setembro e as obras darían comezo no último trimestre do ano. Sen embargo, desde aquel día non houbo avance algún na actuación, de maneira que a demolición segue sen levarse a cabo acumulado xa un retraso notable con respecto á data anunciada polo máximo responsable do Goberno provincial.

 

Desde o PP subliñan que esta intervención “supón saldar unha débeda histórica co Concello de Folgoso do Courel” polo que, urxen á Deputación Provincial de Lugo a que mova ficha e licite canto antes as obras de construción do novo centro, posto que o Concello xa tiña realizado no mes de agosto, cando se asinou o convenio, os trámites que lle correspondían.