17 de decembro, 2018. Daniel Vega será o candidato do PP á alcaldía de Ribadeo nas vindeiras eleccións municipais do 2019. Natural da parroquia ribadense de Arante, leva vencellado ao Partido Popular dende o ano 2003 e, actualmente, é deputado no Parlamento de Galicia. O candidato popular foi presentado hoxe nunha rolda de prensa na que participou o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, acompañado da presidenta provincial, Elena Candia, do propio Daniel Vega, do presidente local do PP, Jesús Penabad; e do ex alcalde popular do municipio, José Carlos Rodríguez Andina.
Vega avanzou o seu “compromiso total e absoluto coa defensa de Ribadeo, dos ribadenses e dos sectores estratéxicos do municipio de igual forma que demostrei ata o de agora”. Nese sentido, considera que “como deputado autonómico defendín proxectos e medidas en beneficio de toda a comarca da Mariña e, a partir de agora, defenderei do mesmo xeito aqueles relacionados co noso municipio”. Así, Vega recorda a súa colaboración co tecido asociativo e os labores de apoio ao comercio ribadense ou á venda de produtos locais de calidade na praza de abastos como son a carne, o peixe ou os produtos da horta. Pero tamén destacou a súa defensa e a dos propios veciños por mellorar a estrada de Reme a Vilamar que foi posible grazas ao esforzo da Xunta.
O candidato popular cre que “Ribadeo precisa un impulso económico a través da dinamización da industria e do comercio que sexa capaz de xerar postos de traballo. Isto contribuiría ao asentamento da poboación na nosa vila”. Pero non quere esquecer o rural do municipio “ata agora abandonado sen saneamento nin un servizo de recollida de lixo e limpeza axeitados, por poñer algúns exemplos”, precisou. O popular aposta tamén pola dinamización do Porto comercial e do deportivo e pola execución das infraestruturas previstas.
Vega traballará a prol da “coordinación de políticas coa Administración autonómica que teñan como obxectivo o asentamento da poboación” porque cre que “a colaboración institucional é fundamental para lograr sacar adiante proxectos e mesmo para ofrecer servizos de forma satisfactoria para os veciños e veciñas”.
Defensa dos intereses de Ribadeo e os ribadenses
O presidente do PP local e voceiro do Grupo Municipal Popular, Jesús Penabad, desexoulle moita sorte ao novo candidato e destacou as súas ganas, ilusión e compromiso que lle permitirán facerlle fronte con éxito “ao difícil reto que supón alcanzar a alcaldía nun Concello coma Ribadeo onde o Goberno local ten unha maioría absoluta”, recordou.
Jesús Penabad, que xa fora concelleiro no último Goberno Popular en Ribadeo con José Carlos Rodríguez Andina como alcalde, foi o candidato do PP nas pasadas eleccións municipais do 2015. Dende entón actúa como voceiro do Grupo Municipal Popular “defendendo os intereses de Ribadeo e dos ribadenses coas ferramentas ao alcance dos catro concelleiros do noso Grupo fronte aos 10 do equipo de Goberno”, manifestou.
Currículo
O candidato do PP á alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, está vencellado ao Partido dende o 2003. Xa no 2008 foi elixido presidente da agrupación local de Novas Xeracións para pasar a presidir a agrupación provincial entre o 2010 e o 2015. É deputado no Parlamento de Galicia dende as últimas eleccións autonómicas.
Daniel Vega está estreitamente vencellado co sector agrogandeiro. Como técnico agrícola desenvolveu o seu labor profesional nunha cooperativa do sector lácteo realizando labores de aconsellamento e asesoramento gandeiro nas propias instalacións. Tamén traballou como técnico para a certificación da Raza Rubia Gallega.