14 de decembro, 2018. Eloy Pérez será o candidato do Partido Popular á alcaldía de Monterroso nas vindeiras eleccións municipais. Así o decidiu o comité de dirección e a dirección provincial do Partido seguindo a proposta do presidente da xestora local, José Vence, que hoxe fixeron pública nun acto cos afiliados, simpatizantes, compañeiros do Partido Popular e no que tamén participou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
Tanto a presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, coma o presidente do PP local, agradecen o traballo e dedicación da actual voceira do Grupo Municipal Popular, Pilar Varela, á que lle desexan moito éxito de cara ao seu novo reto profesional como directora da escola infantil máis moderna da cidade de Lugo.
Carácter dialogante e capacidade de traballo
A máxima responsable dos populares lucenses destacou “o carácter próximo, accesible e dialogante” do candidato á alcaldía do que tamén eloxiou “o seu compromiso e capacidade de traballo. Estes son, sen dúbida, grandes avais para que se converta no próximo alcalde tal e como os veciños e veciñas de Monterroso precisan”, engadiu Candia.
Eloy Pérez, pola súa banda, explica que “esta foi unha das decisións máis difíciles que tomei na miña vida; pero asumo o reto con ilusión e ganas. Polo tanto, non escatimarei nin tempo nin forzas en traballar por e para Monterroso”.
O candidato popular apunta que “entendo a política como instrumento para a conciliación e a defensa dos intereses dos veciños e veciñas do meu pobo a través do traballo. É dicir, creo na política como servizo público seguindo sempre a máxima do respecto ás persoas”.
Así, Eloy Pérez avanza que “o meu obxectivo é traballar, xunto ás persoas que queiran sumarse ao proxecto, na procura do interese xeral atendendo ás necesidades dos veciños e veciñas sen distinción de ningún tipo. Monterroso merece un goberno que fuxa do enfrontamento cos veciños e veciñas e que, polo tanto, nunca vaia en contra de ninguén”.
O candidato popular ten claro que “o traballo é a principal garantía para acadar os obxectivos. E neste caso, o Partido Popular é un claro referente tal e como demostra a súa experiencia de xestión en diversos ámbitos”. A este respecto, agradece “a confianza e o apoio que lle amosan dende a dirección provincial e a agrupación local do PP”.
Currículo
Eloy Pérez, de 47 anos, é enxeñeiro agrícola e leva máis dunha década vivindo en Monterroso onde desenvolve a súa actividade profesional nunha oficina técnica de xestión e asesoramento.
A súa traxectoria profesional está estreitamente vinculada co sector primario, xa que conta con experiencia no asesoramento e na xerencia de cooperativas agrarias de toda a provincia; así coma na formación de profesionais deste sector.
Trátase da primeira vez que concorre ás eleccións municipais e faino como cabeza de lista polo PP en Monterroso.