Partido Popular de Lugo

Os populares de Lugo bríndanlle a súa colaboración á conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

11 de decembro, 2018. A presidenta provincial do PP, Elena Candia, presidiu a reunión da Xunta Directiva Provincial na que participou tamén, ademais doutros cargos orgánicos do Partido, alcaldes e voceiros municipais; a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, que se achegou á nosa provincia para tomar contacto cos alcaldes e escoitar as súas propostas.

 

Trala modificación do Executivo de Feijóo, os populares lucenses xa recibiran ao actual conselleiro de Medio Rural e agora fan o mesmo coa titular autonómica de Educación, Universidade e Formación Profesional que, nesta primeira toma de contacto, quixo coñecer as necesidades e especificidades da provincia.

 

Ademais de trasladarlles as súas propostas, dende o PP de Lugo brindáronlle a súa colaboración en materia de educación xa que a consideran “garante do progreso social e a principal base do noso futuro”.

 

Os populares lucenses poñen en valor o esforzo do departamento autonómico de cara á mellora dos centros lucenses como demostra o investimento de 1,6 millóns de euros en distintas obras para a posta a punto de 46 centros de 30 concellos da nosa provincia. Ademais, a Xunta impulsou 5 grandes obras de remodelación integral no CEIP Veleiro do Campo (Castro de Rei), Lois Tobío (Viveiro), Lagostelle (Guitiriz), As Mercedes (en Lugo) e na ampliación do colexio Laverde Ruiz en Outeiro de Rei que elevan a suma de investimentos neste 2018 na mellora de centros ata os 4 millóns de euros.

 

A conselleira trasladou o convencemento do Goberno galego da necesidade de “manter nas mellores condicións as instalacións dos nosos colexios e institutos para que se adapten ás necesidades do alumnado, faciliten o labor dos docentes e, en suma, sexan o marco adecuado para o desenvolvemento dunha educación pública de calidade e competitiva”.

Traballo a prol de tódolos lucenses

Esta nova reunión da Xunta Directiva Provincial dá continuidade á liña de traballo marcada pola dirixente dos populares lucenses que permite traballar dende o Partido, escoitando as propostas dos alcaldes e dos cargos orgánicos participantes, para ser útiles a tódolos lucenses.