11 de decembro, 2018. Membros de Novas Xeracións da cidade de Lugo visitaron este martes as instalacións da ONCE continuando co plan que a organización xuvenil puxo en marcha dende fai un ano co obxectivo de coñecer de preto a actividade de empresas e entidades sociais.
O presidente local de NNXX, Alejandro Pena López-Boado, pon en valor “o esforzo e as capacidades das persoas cegas para superar cada día as dificultades ás que se enfrontan”. Coñecendo de primeira man o labor da ONCE, os mozos e mozas da agrupación local de Novas Xeracións reivindican “aínda máis se cabe, todo ese esforzo realizado por esta organización e as persoas que forman parte dela”.
80 aniversario da ONCE e Día da Diversidade Funcional
Coincidindo coa recente conmemoración do Día da Diversidade Funcional e coa celebración dos 80 anos desta organización como referente no seu campo, os membros de Novas Xeracións pide á sociedade e tamén ás institucións “tomar consciencia e apoiar a este colectivo no labor de prestación de axuda a moitas persoas”.
Nese sentido, o presidente da agrupación local pon en valor “o labor que a ONCE realiza a diario para facilitar a vida de centos de persoas a través dunha educación inclusiva ou o apoio no ámbito do emprego e mesmo no deporte pasando polo voluntariado, a proporción de medios de axuda para a autonomía persoal e o uso das novas tecnoloxías ou recursos adaptados para persoas con discapacidade visual”.
Visitas a empresas e entidades sociais
A visita contou coa participación do presidente local de Novas Xeracións acompañado dunha decena de membros da organización e concelleiros populares no Concello de Lugo que se achegaron ás instalacións da organización dando continuidade á rolda de visitas a empresas e entidades sociais.