Burela, a 7 de decembro de 2018.- O Grupo Municipal Popular de Burela asegura que “Alfredo Llano acaba de amosar a súa verdadeira personalidade e absoluto desprezo á muller e ás políticas de igualdade na reorganización do goberno municipal a raíz da dimisión de Patricia Otero. Os decretos de alcaldía que el asinou, e que se incorporaron ao expediente da sesión plenaria celebrada o pasado día 29, así o demostran”.
Os populares afirman que “o decreto 0415 de 1 de xullo de 2015 o alcalde nomeaba delegada de Muller e Igualdade a Patricia Otero. Pero, no decreto 0903 do pasado 19 de novembro que recolle a redistribución de áreas que fai Alfredo Llano nos distintos concelleiros socialistas a raíz da dimisión da anterior, non aparecen por ningures as delegacións de Muller e Igualdade. Ao noso xuízo, isto demostra un desprezo absoluto cara ás tres concelleiras socialistas actuais, que quedan sinaladas como, cando menos, inadecuadas para desempeñar tales funcións”.
Desde o Grupo Municipal do PP aseguran que “o asunto non queda aí. Antes da dimisión da Sra. Otero, había tres tenentes de alcalde, ela e os Sres. Fernández Rey e Díaz García. Agora, a raíz do decreto 0902 de 19 de novembro, quedan dous tenentes de alcalde, os dous indicados. Semella que nin Angélica Gómez, nin Noelia Ben, nin a Sra. Chumacero teñen suficientes capacidades para seren tenente de alcalde, aínda que a segunda xa estaba na Xunta de Goberno local e a primeira se incorpora á mesma en substitución de Patricia Otero”.
Para os edís populares, “isto é un auténtico despropósito e mesmo un insulto á muller. Se o alcalde asume as competencias de Muller e Igualdade, mal feito, porque tan mulleres son, e polo tanto coñecedoras dos problemas que teñen, as tres concelleiras actuais coma é a Sra. Otero. E non nomear tenente de alcalde á Sra. Gómez é un despropósito e un desprezo por ser muller e por ser de cor”.
Ausencia de políticas activas en favor da muller e da igualdade
Desde o Grupo Municipal Popular destacan que “estes feitos non son feitos illados. Se os mesmos danan a imaxe das mulleres por parte de Llano, a ausencia de políticas activas, coma a ausencia da vivenda para vítimas de violencia de xénero ou a ausencia dun novo plan de igualdade demostran a nula importancia que Llano lles dá á muller e á igualdade. O mesmo pasa coa integración de inmigrantes: no pleno do pasado 29, Llano negouse a elaborar non só a memoria do I Plan de Integración da poboación inmigrante, e ata agora único, senón tamén un novo Plan, chegando mesmo a descualificar o I Plan coma falto de concreción, ausente de actuacións e actividades e inoperativo, esquecendo que foi o primeiro plan dese tipo elaborado por un concello galego e recoñecido mesmo pola Subdelegación do Goberno no seu día como modélico. E, o que é máis importante, desprezando o traballo feito polo persoal do Concello de Burela que participou na súa elaboración e que a día de hoxe segue traballando no Concello”.