5, decembro, 2018. Os populares lucenses lamentan que o secretario provincial do PSdeG, Álvaro Santos, “pretenda colocarse medallas” en relación á publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) da redacción do proxecto do trazado da autovía da Mariña (A-74) cando foi o PP quen dotou de orzamento esta infraestrutura e realizou o traballo técnico que é, a parte máis complexa”, explican.
“O Partido Popular dende o Goberno do Estado incluíu esta nova infraestrutura nos Presupostos Xerais do Estado para o presente ano a pesar do voto en contra do Partido Socialista”, apuntan. “Concretamente, para esta importante e demandada arteria de comunicación dispuxéronse nas contas de 2018 elaboradas polo Goberno popular máis de 3 millóns de euros destinados á aprobación e redacción dos proxectos para, posteriormente, licitar as obras dos treitos Barreiros-Foz-Burela”, engaden.
“Recortes” con respecto ao proxectado polo PP
Por outra banda, os populares de Lugo consideran incomprensible que a exposición pública da nova autovía non se faga polo seu trazado completo, o que lles fai sospeitar que “os socialistas pretenden executar a obra a cachos, recortada, en lugar de levala adiante na súa totalidade”.
Nese sentido, cren que “a comarca da Mariña e os seus veciños e veciñas non merecen estes recortes”. Polo tanto, os populares manteranse vixiantes para que “se cumpran os prazos e as anualidades comprometidas polo Goberno popular. Non permitiremos atrasos”, conclúen.