Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal Popular pídelle ao alcalde de Monforte convocar a xunta de portavoces para informar sobre o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico

5, decembro, 2018. O Grupo Municipal Popular de Monforte solicitará ao alcalde que “convoque unha xunta de portavoces na que participen os redactores do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico (PEPCHA) para que informen das modificacións que se teñen realizado neste documento atendendo ás consideracións feitas polos construtores e técnicos e ás alegacións dos veciños e dos grupos municipais”, segundo avanza a voceira, Julia Rodríguez.

 

A popular considera “unha falta de respecto” que “o alcalde socialista non teña informado sobre as modificacións que se teñen realizado no documento aos distintos grupos municipais que, ao fin e ao cabo, representamos a moitos veciños interesados e afectados polo PEPCHA”. Rodríguez explica que “foi aprobado en xunta de goberno e, polo tanto, sen a participación do resto dos grupos da Corporación municipal”.

 

“Isto é unha mostra máis da actitude de desprezo do señor Tomé cara á oposición; pero tamén da súa incapacidade por consensuar nada, nin sequera un asunto tan importante como é este plan que afecta ao Conxunto Histórico-Artístico de Monforte”, engade Rodríguez.

 

Información sobre o estado da súa tramitación

A voceira popular explica que “queremos saber en que medida se atenderon as alegacións presentadas, incluídas as presentadas polo propio Grupo Municipal do PP. E tamén sobre o estado da tramitación, as previsións sobre a nova exposición ao público, cales son os trámites pendentes e, finalmente, a data prevista para a súa aprobación definitiva”.