Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal Popular de Burela solicita que o regulamento de uso do auditorio e venda de entradas se amplíe a todas as instalacións municipais susceptibles de acoller eventos

Burela, a 4 de decembro de 2018.- O Grupo Municipal Popular burelés vén de presentar por escrito as súas suxestións á ordenanza municipal de uso do auditorio, na que tamén se regulará a venda de entradas. A ordenanza está en trámite de audiencia pública previa á súa aprobación ata o día de hoxe.

Os populares lembran que tiñan presentado un escrito o pasado 12 de novembro, cando a ordenanza se someteu a consulta previa. “O noso escrito non foi tido en conta polo alcalde e agora volvemos a presentar outro practicamente igual porque entendemos que a ordenanza queda restrinxida ao Auditorio e non abarca as instalacións municipais nas que se celebran ou poden celebrar actos e eventos para os que se venden entradas. E para nós é fundamental que a ordenanza abarque todos os abanos posibles, xa que a consideramos positiva e, polo tanto, debe ser o máis clarificadora posible”, aclaran dende o Grupo Municipal do PP.

Para os edís populares, “ademais, debe reflexarse na ordenanza a fórmula ou mecanismo a través do que se permita cobrar entrada ás asociacións, colectivos e outras entidades ou empresas cando as instalacións municipais sexan empregadas pola mesmas. Estamos a referirnos, por exemplo, ao Pavillón Vista Alegre”.

Desde o Grupo Municipal Popular lamentan que “o alcalde aínda non levase esta ordenanza á consideración do Pleno do Concello. Hai que lembrar que nós presentamos a moción para ser debatida na sesión do pasado 2 de abril coa finalidade de que se regulase a venda de entradas que estaba a ser un caos. Non existía control ningún da trazabilidade dos cartos recadados; xa que mesmo se vendían entradas en locais privados. Desgraciadamente, oito meses máis tarde aínda estamos na fase de audiencia previa á aprobación, o que demostra que os ritmos do alcalde non lle van provocar demasiadas situacións de estrés”.

Transparencia

Finalmente, os edís populares dubidan das intencións do alcalde: “o alcalde está a cubrir o expediente coa publicación da ordenanza no portal de transparencia, pero botamos en falta que se avise destas cousas á veciñanza; xa que a xente normal e corrente ten máis que facer que estar mirando o portal de transparencia do Concello. Así, ninguén foi coñecedor de que a modificación dos prezos da auga o da rede de sumidoiros estiveron a exposición pública. Se o alcalde quere ser transparente, debería implicarse máis e avisar publicamente do que se colga no Portal de Transparencia”, conclúen.