Partido Popular de Lugo

Barreiro: “Non hai compromiso político do Goberno de Sánchez coa construción da nova Comisaría nos terreos do vello hospital”

3 de decembro, 2018. O portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, Xosé Manuel Barreiro, considera que “non hai compromiso político por parte do Goberno socialista de Sánchez coa construción da nova Comisaría de Policía nos terreos do vello hospital”. Así o expuxo nunha rolda de prensa na que estivo acompañado dos senadores pola provincia Dámaso López e Gerardo Criado ao analizar a falta de resposta do Goberno de Sánchez, unha vez transcorrido o prazo establecido polo ordenamento, ás preguntas formuladas por escrito sobre este asunto a comezos de outubro polo Grupo Popular no Senado.

 

Barreiro explicou que “a pregunta era moi clara, non cabía espazo para a opinión e o Goberno non respondeu de forma oficial. Preguntábamos se o Goberno está disposto a manter o compromiso explicitado polo anterior ministro do Interior para a construción da nova Comisaría de Policía nos terreos do antigo hospital”. Así, o portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado amosou a súa preocupación “ante a falta de resposta” pola que “entendemos que o Goberno socialista non quere impulsar esta nova infraestrutura para a cidade de Lugo”. O popular recordou que, na mesma liña, “o Goberno socialista da cidade de Lugo tamén votou en contra dunha iniciativa que o Grupo Municipal Popular levara ao Pleno procurando tamén o compromiso coa construción da Comisaría no barrio da Residencia”.

 

Defensa e compromiso coas infraestruturas da provincia

Barreiro asegurou que “nós imos seguir reclamando esta infraestrutura a través da presentación dunha pregunta oral que deberán responder na Comisión correspondente e tamén imos seguir defendendo proxectos para Lugo”. Igualmente, fixo fincapé no compromiso do anterior Goberno popular e do ex ministro Zoido con esta infraestrutura; así coma a consignación de partidas orzamentarias para outras da provincia coma as comunicacións con Santiago a través da A-54, o avance da autovía da Mariña (A-74) e das obras da A-56 en Monforte; así coma para a procura dun sistema de protección antinéboa na A-8 ou a chegada da alta velocidade a Lugo para o ano 2021.

 

Sobre estas preguntas, Barreiro indicou que “o Goberno socialista non respondeu ou o fixo de forma xenérica”. En relación ao avance das obras da autovía entre Lugo e Santiago (A-54) ou a chegada da alta velocidade a Lugo no 2021 que contaba co compromiso do anterior Executivo popular, o Goberno de Sánchez non ofreceu ningunha resposta ata o de agora; polo que, pasarán estas preguntas á comisión para a súa resposta oral”, indica o popular.

 

Eleccións en Andalucía

O portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado analizou tamén os resultados das eleccións en Andalucía destacando “o feito histórico que supón que tras 37 anos de goberno socialista, os andaluces votaran a favor dun cambio”. De feito, “a campaña do PP centrouse na necesidade e na posibilidade dun cambio en Andalucía polo que, finalmente, os andaluces optaron nas urnas”. Barreiro cre que “ese cambio, dentro do centro dereita, debe estar liderado polo PP”. Nese sentido, avanza que “o PP traballará pola estabilidade de Andalucía asumindo as responsabilidades que os andaluces lle outorgaron”.

 

Así mesmo, o popular considera que “estes resultados son un non rotundo ás políticas socialistas en Andalucía; pero, sobre todo, un non rotundo ás políticas de Pedro Sánchez á fronte do Goberno do Estado”.

 

A preguntas dos xornalistas o portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, Xosé Manuel Barreiro, respondeu que “ante unha ausencia total de Goberno e co non rotundo que o 20% da poboación española que constitúen os andaluces lle ofreceu onte, Pedro Sánchez debe dar voz a que os españois decidan nas urnas. Non hai que esquecer que incluso organismos internacionais non consideran cribles os orzamentos do Goberno socialista”.