30, novembro, 2018. Membros de Novas Xeracións do PP de Lugo visitaron este venres Queixerías Sarrianas que vén de lograr unha distinción de bronce nos World Cheese Awards 2018 polo seu queixo curado de ovella.
A presidenta de NNXX da provincia, Rosa Arza, pon en valor “a súa aposta pola profesionalización do sector a través da incorporación das últimas tecnoloxías”. Igualmente, dende a formación xuvenil destacan “o traballo en equipo e a calidade da materia prima que determina, á súa vez, a calidade dos seus produtos lácteos transformados coma o queixo curado de ovella que nesta ocasión recibiu unha distinción internacional entre os mellores do mundo”.
Queixerías Sarrianas traballa dende o 2003 na transformación de produtos lácteos de óptima calidade –queixos de leite de vaca, cabra, curados ou semicurados, de tetilla ou Gouda, ademais de leite condensada enteira- a través da combinación da tradición artesá do rural galego con avanzada tecnoloxía.
A empresa recibiu, nas últimas convocatorias, axudas para a transformación e comercialización de produtos agrogandeiros por importe de preto de 600.000 euros, o 35% do investimento total realizado por esta compañía que superou os 3,3 millóns de euros.
Axudas para a transformación e comercialización
Lugo é, de feito, a provincia galega que máis se beneficia das axudas que a Xunta convoca cada ano en apoio das empresas de transformación e comercialización de produtos agrarios. Isto demostra a fortaleza e o peso específico do sector agroalimentario na provincia. Por exemplo, no 2017, a Xunta apoiou a máis dunha trintena de empresas lucenses con axudas por importe de 10 millóns de euros e un investimento mobilizado que supera os 29 millóns de euros.
Visitas ás fontes de recursos da provincia
A visita contou coa participación da presidenta de Novas Xeracións da provincia de Lugo, Rosa Arza; o presidente de Novas Xeracións de Galicia, Adrián Pardo; e o presidente da formación en Sarria, Jesús Rodríguez; acompañados de dirixentes como José Manuel Balseiro, José Antonio García ou Fernando Carlos Rodríguez. O grupo completouse con membros desta agrupación xuvenil de Sarria, Láncara, Paradela e Lugo.
Con esta, a formación xuvenil dá continuidade a unha rolda ás principais fontes de recursos da provincia, aqueles espazos nos que se xera emprego e riqueza a través do desenvolvemento dunha actividade económica da man de empresarios e emprendedores. A iniciativa dos mozos populares pretende dar a coñecer máis de preto “o día a día da actividade empresarial da provincia” e, por suposto, “apoiar o seu traballo”.