Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal Popular de Burela cre que “o alcalde debe aclarar qué intereses pode ter no encarecemento da nova contratación dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria”

Burela, a 29 de novembro de 2018.- O Grupo Municipal Popular demandoulle hoxe a Alfredo Llano que “aclare polo miúdo qué intereses pode ter no encarecemento da nova contratación do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria que vai levar adiante e que se encarece en 193.000 euros ao ano”. Os populares consideran que “é unha barbaridade que acabaremos, dun xeito ou de outro, pagando entre todos”.

Dende o Grupo Popular de Burela indican que “Llano cansouse de despotricar contra as empresas por levar os seus beneficios para fóra e defendendo a xestión directa por parte do Concello. Agora, que cambia de criterio, debe aclarar a ónde van os presumibles beneficios que terá a empresa adxudicataria do novo contrato dos servizos de recollida de lixo, limpeza viaria, de praias e punto limpo”.

Os populares detectaron algúns “aspectos chamativos na memoria que asina o alcalde que poden significar exclusión deliberada dalgunhas empresas”, aseguran.

Por unha banda, dende o PP cren “curioso” que “a oferta económica se valore con 48 puntos, pero cunha metodoloxía de aplicación que provoca escasas diferenzas entre as empresas que participen, mentres que os criterios non matemáticos de valoración e non suxeitos a ningún tipo de criterio suman 45 puntos”.

Por outra, os populares explican que “o señor Llano aprobou o 6 de outubro de 2016 o inicio do procedemento de adxudicación actualmente en vigor e aprobado no Pleno do 2 de febreiro de 2017. Pero, a Deputación Provincial emitiu un informe favorable á xestión directa por parte do Concello con data do 3 de novembro de 2016. É dicir, con anterioridade á aprobación da adxudicación en Pleno. E curiosamente, este informe non entrou no Concello ata o 3 de marzo de 2017 cando o servizo xa estaba adxudicado”, engaden.

Posteriormente, segundo o Grupo Municipal Popular, “Intoconsulting emite un informe sobre a xestión directa ou indirecta do servizo o 27 de marzo de 2017, curiosamente de forma inmediatamente posterior á adxudicación a Geseco e inmediatamente anterior a que Geseco se faigo cargo do servizo o 1 de abril de 2017”.

Polo tanto, dende o PP do municipio de Burela defenden que “xa estaba decidido continuar coa privatización de servizos tal e como recolle o informe de Intoconsulting na conclusión final primeira onde recoñece que Burela ‘ten un servizo recentemente adxudicado, moderno e de garantías e que pode ser aínda mellorado no novo proceso licitatorio previsto nun horizonte máximo de dous anos’. Resulta curioso que Intoconsulting dea como bo un servizo que aínda non se puxera en marcha. Todo isto fainos dubidar da obxectividade destes informes”, afirman.

Igualmente, “o propio informe de Intoconsulting fala de que o servizo adxudicado a Geseco, se o tivese que realizar o Concello, suporía un coste anual adicional de aproximadamente 100.000 euros, é dicir, un 16,65% máis do que se lle paga a Geseco”. Polo tanto, “o Goberno local puido pasar a xestionar directamente o servizo porque o importe da licitación do ano 2017 –co IVE incluído- ascendía a 719.790,564 euros; mentres que o do 2019 ascenderá a 829.475,57 euros, sen incluír o 10% destinado a biorresiduos que ascende a algo máis de 75.000 euros ao ano”, engaden os populares.

Tendo en conta que “aí están os 100.000 euros que lle suporía de máis ao Concello, sen contar cos biorresiduos, dende o Grupo Municipal Popular preguntámonos que intereses ten o Goberno local por manter en mans privadas o servizo cando, previamente, dixeran todo o contrario”.