Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara critica que “o borrador dos orzamentos municipais para o 2019 non reflicte partidas para iniciativas aprobadas en Pleno”

28 de novembro, 2018. O Grupo Municipal Popular de Láncara lamenta que “o borrador de orzamentos municipais para o 2019 non reflicte partida ningunha concreta para levar a cabo iniciativas aprobadas no Pleno e, algunha, incluso por unanimidade”.

 

O voceiro popular e candidato do PP á alcaldía de Láncara, Santiago Cubillas, asegura que “o Goberno local presenta para a súa aprobación no Pleno deste xoves 29 de novembro un orzamento na liña de sempre, sen saber moi ben a que se dedicará o diñeiro”. É máis, os populares recrimínanlle ao rexedor local que “non se puxera en contacto con nós igual que fixo nos últimos tres anos nos que non nos tivo en conta”.

 

Unha das iniciativas aprobadas por unanimidade en Pleno é a do inventario de camiños municipais que propuxeran dende o PP local e para o que “ata o de agora non se deu ningún paso e para o que tampouco se reflicte ningunha partida nas contas municipais do vindeiro ano”, explica Cubillas.

 

Outra das demandas dos populares aprobadas en Pleno foi a aplicación da bonificación que permite a lei sobre o Imposto de Bens Inmobles (IBI). “Pero os presupostos tampouco contemplan estas bonificacións que beneficiarían a propietarios de explotacións agrogandeiras, a familias numerosas ou a outros colectivos”, apunta o voceiro popular que recorda que “noutros concellos da zona si se están a aplicar estas bonificacións que lles permiten aos titulares dalgún tipo de inmobles reducir o recibo por este concepto”.

 

Precisamente, “como non se teñen en conta as propostas que o noso Grupo leva a Pleno durante todo o ano, volveremos a recordar mañá a través dunha moción a necesidade de arranxar a pista que vai dende a LU-636 ata o Furco pasando por Villarín e A Cortella porque se atopa en moi mal estado”, explica Cubillas.

 

Dende o Grupo Municipal Popular indican que “o PP xa presentou esta moción en xullo do 2016 e, tras ser aprobada por unanimidade, só se lle aplicou un bacheo moi simple a esta pista. Un ano despois volvemos pedilo a través dun rogo, pero nada se fixo”. Na actualidade, “a pista está a desfacerse totalmente a consecuencia do paso de vehículos implicados na construción dun parque eólico”, indica o candidato popular á alcaldía.

 

Por iso, Cubillas considera que “parece lóxico que os ingresos que o Concello de Láncara vai percibir a consecuencia desta instalación eólica repercutan na mellora desta pista”. A este respecto, pide que “unha vez que rematen as obras se proceda á súa pavimentación con mestura asfáltica en quente” para o que cre que “o gasto ascendería a uns 200.000 euros, mantendo a súa anchura actual e incluíndo os labores de pintado e sinalizado”.

 

Iluminación nocturna na ponte de Carracedo

Os populares propoñen tamén a través doutra moción que presentan no Pleno deste xoves dotar de iluminación nocturna á ponte de Carracedo co obxectivo de “resaltar a beleza da ponte de gran valor arquitectónico que constitúe un elemento simbólico para o concello de Láncara porque, ademais de atoparse no Camiño Real, tamén forma parte do seu escudo”, explican.

 

Obra paralizada en Os Baos

O voceiro popular no municipio de Láncara tamén avanza que nesta sesión plenaria preguntará ao alcalde “pola suposta denuncia na que se escuda para xustificar ter parado as obras de canalización do núcleo de Os Baos”. Nese sentido, Cubillas explica que “eu non cursei ningunha denuncia a este respecto”.

 

O popular explica que “os operarios municipais comezaron a colocar as tubaxes o 27 de setembro e ao día seguinte procederon a retiralas seguindo instrucións do alcalde o que provocou o risco de derrubamento do camiño, polo que foi necesario apuntalalo. Catro días despois este Grupo rexistrou unha petición de documentación para coñecer os motivos desa pésima actuación”. Posteriormente, o alcalde acusou ao portavoz do PP no municipio de ser o causante de parar estas obras porque supostamente as denunciara. Pero iso non é certo”, conclúe.