Burela, a 28 de novembro de 2018.- O Grupo Municipal Popular asegurou hoxe que “a capacidade económica do Concello de Burela pode quedar seriamente danada nos vindeiros cinco anos co novo contrato que está a preparar para os servizos de limpeza, recollida de lixo, limpeza de praias e punto limpo; xa que o presuposto de gastos vaise incrementar nun 2’39% e provocar un novo incumprimento da regra de gasto”.
Os edís do PP din que “o goberno de Llano, que tanto presume de bo xestor, incumpriu a regra de gasto en 2017, polo que o Concello está suxeito a un Plan Económico e Financieiro para o bienio 2018-2019”.
Os populares indican que “isto é o que se fai constar na documentación obrante no expediente e que nos foi remitida polo propio alcalde co que lle pedimos que non escorra o bulto e non nos veña dicindo que iso non é cousa del, como acostuma a facer”.
Desde o Grupo Municipal Popular afirman que “se este contrato sae adiante, e o alcalde quere cumprir coa regra de gasto, non lle vai quedar máis remedio que detraer doutras partidas orzamentarias o que vai subir este servizo, da orde de 193.000 euros ao ano de non producirse baixas na adxudicación. Polo tanto, como o capítulo de Persoal non se pode tocar, poden verse mermados os investimentos reais, as subvencións e mesmo servizos que se engloban no Capítulo II de Bens Correntes e Servizos do orzamento municipal de gastos”.
Ademais, segundo os populares, “vamos ser un dos Concellos que máis cartos destine anualmente a estes servizos: un 12’9% se os orzamentos do Concello se mantivesen no volume do presente exercicio, que é de 7.071.377’20 euros”.
Llano debe dar explicacións convincentes
Para o Grupo Municipal Popular, “resultan evidentes as mentiras de Llano sobre este asunto xa desde a campaña electoral das municipais de 2015. Outras máis que se suman no haber desta persoa e que demostran que a súa credibilidade é igual a cero”.
Os edís populares reiteran que “a veciñanza ten dereito a saber que se vai facer cos seus cartos, así que o alcalde debe explicar polo miúdo e con claridade, e non cos circunloquios aos que nos ten acostumados, a que se van destinar todos e cada un dos 912.423’12 euros cada ano que imos pagar por estes servizos se non hai baixas na adxudicación, que non ten porque habelas, coma aconteceu con GESECO”, conclúen.