27 de novembro, 2018.– O Grupo Provincial do PP sacou adiante, coa abstención do PSOE e o voto a favor do BNG, a moción para instar ao Goberno do Estado a que desista da súa intención de introducir peaxes nas autovías. Os populares queren que se leve a cabo un debate máis profundo no que participen todos os actores implicados (administración estatal, administracións autonómicas, grupos políticos, representantes das concesionarias e construtoras, representantes dos diferentes grupos de usuarios, expertos…), sobre o sistema de financiamento da conservación e mantemento da rede de estradas que non sexa prexudicial para os usuarios.
O deputado Carlos Armesto lamentou que o Goberno do Estado se caracterice pola improvisación e falta de planificación e indicou que “non podemos cargar máis sobre os autónomos e comerciantes, polo que non podemos tolerar que as autovías se graven”.
“Cando un ministro de Fomento fai unha proposta en sede parlamentaria habería que darlle validez porque di a intención que ten. Se logo o secretario de Estado fai a mesma proposta desde o PP consideramos necesario darlle unha resposta a unha proposta feita por un Goberno, un secretario de estado e un ministro. Autovías con peaxe non, queremos rematalas, pero non gravalas. A de Lugo a Ourense, Lugo-Santiago, a da Mariña e a de Ponferrada- Monforte- Ourense, que 20 anos despois rematen as nosas autovías con prazos e investimentos concretos, pero non gravar as autovías”, replicou Armesto.
“Nin o señor Aznar nin Rajoy propuxeron poñer peaxes nas autovías, é o PSOE o que o propuxo. En Lugo só hai fochancas na rede de estradas provinciais que ningunearon durante moitos anos e tivo que ser unha proposta do PP dotada con 15 millóns de euros a que cambiara isto. O único que trouxo aquí fochancas foi un Goberno como o seu”, lamentou o popular.
Anuncio por parte do Goberno
O Grupo Provincial do PP presentou esta moción logo de que o Ministerio de Fomento anunciara a súa intención de ter listo antes de que remate esta lexislatura o novo sistema de conservación e mantemento da rede de estradas, para o que se contempla introducir o pagamento dunha peaxe por circular polas autovías.
Galicia, que xa soporta 273 quilómetros de autopistas de peaxe dependentes do Ministerio de Fomento e outros 54 da Xunta de Galicia, vería así incrementado de maneira substancial o cobro de uso das súas vías de comunicación, ao sumar a dita tarificación os 559,9 quilómetros da rede estatal de autovías na comunidade.
Polo tanto, a nosa Comunidade pasaría a sumar un total de 887 quilómetros que poderían quedar suxeitos ao pagamento de peaxe. Ademais, polo seu carácter periférico Galicia quedaría cercada por este tipo de cobros nas súas saídas polas dúas grandes arterias galegas de conexión coa Meseta; a A-6 ou autovía do Noroeste e a A-52 ou autovía das Rías Baixas, así como pola A-8 ou Transcantábrica.
Consecuencias moi prexudiciais
Coa proposta de Seopan, viaxar de A Coruña a Madrid en coche sairía entre 5,91 e 17,73 euros e entre 29,55 e 82,74 euros lles custaría aos camións. Desde Vigo as peaxes terían un importe similar, entre 5,89 e 17,67 euros para os lixeiros e de 82,46 euros para os pesados. Viaxar entre Lugo e A Coruña, agora gratis por autovía, tamén pasaría a ter un custo en peaxes de 2,85 euros para vehículos lixeiros no escenario máis caro.