Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial Popular pregunta en Pleno a Darío Campos polos “pasos dados” dende a Deputación para a apertura de Augasmestas

26, novembro, 2018. O Grupo Provincial do PP rexistrou unha pregunta, para a súa resposta no Pleno da Deputación que se celebrará mañá, a través da que se interesa polos pasos que ten dado o Goberno socialista na institución lucense para corrixir as deficiencias que están a dificultar e impedir a apertura do complexo de Augasmestas. É dicir, preguntan “cales son as conclusións da reunión mantida co adxudicatario e en qué situación se atopa a súa posta en funcionamento”.

 

Os populares lograron a aprobación por unanimidade dunha moción, debatida no mes de xullo, a través da que instaban ao equipo de Goberno da Deputación a que corrixise as deficiencias existentes que impedían a apertura do complexo. Tras ese acordo plenario e coa única finalidade de evitar que “os socialistas se desatendan destas instalacións como fixeron durante anos”, precisan dende o Grupo Provincial Popular; o PP rexistrou unha pregunta no mes de setembro para coñecer os pasos que se deran ata o momento.

 

“Os socialistas aseguráronnos no mes de setembro que se reuniran co concesionario e que existían tres posibles proxectos para darlle unha solución definitiva á depuración das augas residuais do complexo, as que aseguraban que estudarían para saber o seu cumprimento normativo”, lembran dende o PP. “Transcorreron dous meses dende aquela, polo que queremos coñecer os avances para que o complexo abra as súas portas o antes posible e máis despois do investimento que se ten feito nel. É un exercicio de responsabilidade que isto se resolva”, consideran.

 

Antecedentes

Dende o Grupo Provincial do PP lembran que en 2008 a vicepresidenta da institución, a nacionalista Vega Buján, anunciaba a recuperación de Augasmestas cun complexo turístico pioneiro en España que abriría en 2010. O mesmo facía en 2014 Besteiro coa aprobación dun concurso para rehabilitar as instalacións. “Sempre eran proxectos renovadores e ambiciosos coincidindo con datas electorais, pero as instalacións seguen pechadas”, precisan.

 

Os populares recordaron que o complexo, que incluía na súa oferta cámping, área recreativa, aparcadoiro para autocaravanas, cafetería, piscina, aseos e duchas, entre outros servizos, foi construído en 1996 e ocupa unha superficie de 10 hectáreas na zona onde o río Lor desemboca no Sil. Posteriormente, no ano 2004 acometíanse obras de ampliación coas que se rehabilitaban varias edificacións e se dotaba ao lugar de cinco bungalós. Pero, “dende esta ampliación, o complexo só funcionou durante dous anos”, remarcan dende o Grupo Provincial Popular.

 

Dende o PP precisaron que “coa chegada do bipartito á Deputación o complexo caeu en desgraza sendo saqueado e espoliado”. Se ben o organismo provincial executou obras nestas instalacións turísticas, a última delas no ano 2017, coa finalidade de repoñer os elementos afectados polo vandalismo e arranxar os aqueles afectados polo paso do tempo, “o complexo de Augasmestas non volveu abrir as súas portas dende entón”, apuntan os populares, “e pasaron xa 12 anos”. De feito, a Deputación adxudicou no ano 2015 a xestión deste complexo a unha empresa privada; pero a día de hoxe continua pechado.