23, novembro, 2018. José Antonio Rodríguez Domínguez presidirá o comité electoral en Monforte que contará con Manuel López Eiriz como secretario co obxectivo de confeccionar unha candidatura de cara ás vindeiras eleccións municipais. Así o decidiron este xoves por unanimidade os participantes nunha extensa reunión entre a dirección provincial e a executiva local do PP de Monforte na que analizaron os acontecementos das últimas semanas.
A este respecto, o secretario xeral do PP provincial, Juan Carlos Armesto considera que “é hora de pasar páxina e poñer a Monforte no centro do debate. Nese sentido, o comité electoral centrarase na construción dunha alternativa de Goberno seria onde haxa método, programa e equipo humano para Monforte”.
“O comité electoral ten agora a responsabilidade de traballar na elaboración dunha proposta para presentar nun prazo razoable. En calquera caso traballará con total liberdade e, polo tanto, a súa decisión será respectada. A súa proposta será a proposta da directiva provincial. Mentres, poñémonos á disposición do comité electoral para colaborar cando así o consideren”, explicou Armesto.
Comité electoral
Armesto destaca a seriedade do avogado José Antonio Rodríguez Domínguez, concelleiro do PP durante 4 anos no Concello de Monforte, ao que considera home de consenso. Igualmente recoñece a valía persoal e profesional de Manuel López Eiriz que foi candidato do PP á alcaldía, ademais de edil. “Son dous profesionais de recoñecido prestixio en Monforte e cunha longa traxectoria na vida orgánica do Partido. Ambos coñecen perfectamente a cidade e a afiliación”, segundo apunta o secretario xeral do PP provincial.
O comité contará con outros seis membros, catro deles actuais concelleiros do Partido Popular en Monforte entre os que se atopa Iván Vázquez, secretario da agrupación local.