Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal Popular de Burela denuncia que “o novo concurso que vai sacar o Sr. Llano para o servizo de recollida de lixo e limpeza viaria suporá unha suba de 193.000 euros do recibo anual”

Burela, a 22 de novembro de 2018.- O Grupo Municipal Popular de Burela advertiu hoxe que “o alcalde, Alfredo Llano, vai levar á sesión plenaria que se celebrará o vindeiro xoves o expediente para a contratación do servizo de recollida de lixo, limpeza viaria, limpeza de praias e xestión do punto limpo, por un período de catro anos e un de prórroga, que pode supoñer un incremento do 26’8% sobre o que se está a pagar nestes momentos. O Concello pagáballe 650.000 euros/ano co IVE incluído a CELTAPRIX polos servizos indicados e paga a GESECO, a actual adxudicataria, 719.790’65 euros/ano co IVE incluído, a empresa que resulte adxudicataria deste novo proceso pode cobrar, se non fai baixas, un total de 912.423’12euros/ano co IVE incluído, o que en cinco anos suporía un total de 4.562.115’63 euros”.

Para os populares “isto supón un incremento de 193.000 euros/ano, un 26’8% máis, sobre o que actualmente se está pagando segundo a memoria que o propio alcalde asina e que obra no expediente. Parécenos unha auténtica barbaridade. E todo sen ningunha mellora nin cuantitativa nin cualitativa sobre o servizo actual do que vimos reiterando deficiencias, xa que non se incrementará o persoal e a relación de medios a dispor pola empresa que resulte adxudicataria non supón incremento sobre os actuais”.

Os edís populares advirten que “por riba, no propio expediente asinado polo alcalde figura o valor estimado do contrato, que en cinco anos ascende a 5.598.690’10 euros. Polo que ata pode acontecer que haxa que pagar 1.119’738’02 euros ao ano”.

Os populares indican que “Llano xa se pode ir cargando de argumentos porque non hai explicación lóxica a semellante subida: ou ben Burela vai estar coma unha patena día e noite, os 365 días do ano, os colectores cheirando a colonia, e as beirarrúas sen rastros de porcallada ou só cabe pensar que se poden estar administrando mal os cartos de todos. O que si é certo é que se pagará máis por un servizo que a día de hoxe ten moitas deficiencias”.

Unha vez máis, Llano mentiu

Desde o Grupo Municipal Popular afirman que “a credibilidade de Llano xa non existe. Reiteramos que antes de que este home diga unha verdade, nacerá un corvo branco. Xa vemos como mentiu no caso do mercado, do plan de tráfico, da peonización, a RPT, etc”.

Os populares recordan que “sobre este asunto xa mentiu na campaña electoral de 2015 cando asegurou que durante este mandato os servizos de lixo e auga volverían a estar municipalizados, facendo do mesmo o seu principal obxectivo. Segundo chegou a dicir as empresas adxudicatarias tiñan moitos beneficios que debían quedarse en Burela para beneficiar a todos os cidadáns. Polo tanto, durante estes tres anos e medio tamén nos mentiu porque sempre que se falou nos plenos do asunto do lixo, sempre dixo que volvería a pasar a ser xestionado directamente polo Concello. Como se ve, este criterio, coma tantos outros deste home, ten mudado: agora semella que as empresas xa non rouban a Burela, pero vemos que gratis non veñen. Pois que nos explique a onde vai ir parar esa barbaridade de euros que vamos pagar cada ano polo servizo de lixo e limpeza viaria”, expoñen.

Os edís do PP aseguran que “a cidadanía non vai tragar con todo o que diga Llano. E o Grupo Popular, tampouco. No seu día dixo que a plantilla de recollida de lixo ía aumentar e non foi así. No seu día dixo que se baldearían as beirarrúas con auga quente e non foi así. E por riba, este novo contrato pode hipotecar a economía do Concello por cinco anos, recortando drasticamente os investimentos reais e outras consignacións orzamentarias fundamentais para a vida municipal. Os cartos dos veciños son sagrados e hai que saber moi ben a onde van parar”, conclúen.