Partido Popular de Lugo

O PP recorda o seu “compromiso de servizo público” ofrecendo información útil para a saúde dos cidadáns

15, novembro, 2018. Os populares de Lugo recordan “o compromiso de servizo público do Partido Popular, máis alá da xestión ou da función de control e fiscalización. Somos un Partido centrado no sistema sanitario, un dos mellores do mundo” durante o desenvolvemento da conferencia sobre “O gas radon e os seus efectos sobre a saúde” que ofreceu este xoves a doutora Raquel Barbosa en Lugo convidada pola Comisión Provincial de Sanidade.

 

Os populares explicaron que “a saúde é un ámbito irrenunciable e un reto permanente e obrigado para os gobernantes”. Nese sentido, tal e como vimos demostrando coa celebración de diversas conferencias “somos un partido comprometido co benestar dos cidadáns e que procura dar resposta a cuestións que os preocupan directamente a través dos coñecementos que nos transmiten de primeira man os profesionais”.

 

Neste caso, a doutora Barbosa, que centrou a súa actividade investigadora na análise do efecto do radon sobre a saúde e que agora traballa no Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do HULA, recordou que este gas é considerado como carcinóxeno humano pola Axencia Internacional do Cancro debido ao seu efecto demostrado sobre o cancro de pulmón. Isto supón un importante problema de saúde pública en Galicia ao supoñer unha das principais causas de morte despois das enfermidades isquémicas do corazón e as enfermidades cerebrovasculares. É máis, o radon é a segunda causa deste tipo de cancro despois do tabaco e a primeira no caso de persoas non fumadoras. Con todo, advertiu tamén da súa asociación con outras patoloxías.

 

A súa incidencia en Galicia é palpable tendo en conta que o radon é un gas incoloro que se acumula en lugares pechados coma vivendas ou espazos de traballo e que se xera pola desintegración do uranio cando a nosa comunidade é unha zona con alta presenza de minerais ricos neste elemento.

 

Recomendacións para evitar altas concentracións de radon nas vivendas

Coa finalidade de diminuír os riscos sobre a nosa saúde, a doutora Barbosa propuxo medidas útiles para non deixar entrar o radon na vivenda ou evitar as altas concentracións deste gas no seu interior ben sexa provocando a súa saída ou ben introducindo aire con menor concentración de radon.

 

As medidas recomendadas para as vivendas xa construídas son as colocación de arquetas de succión, o selado de gretas e fisuras, bombas de baleiro ou a impermeabilización con materiais específicos. A Xunta de Galicia está a ultimar unha guía de recomendacións para mitigar a exposición ao gas radon en vivendas xa construídas da man do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) en colaboración cos técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

 

Achegando o Partido aos lucenses

O PP da provincia de Lugo, con este encontro, da un paso máis no obxectivo de achegar o Partido á cidadanía e de coñecer as principais fortalezas e debilidades tanto dos distintos axentes sociais e económicos, como dos sectores que operan na sociedade.

 

Neste caso, a Comisión de Sanidade no seu conxunto traballa para levar a cabo novas iniciativas neste eido despois de achegar información recentemente sobre a importancia da vacinación ante o virus da gripe.