13, novembro, 2018. O PP da provincia de Lugo continúa ofrecendo información útil co obxectivo de achegar o Partido á cidadanía. Así, a Comisión Provincial de Sanidade organiza unha conferencia sobre “O gas radon e os seus efectos sobre a saúde” que se desenvolverá o vindeiro xoves, 15 de novembro, no Salón de Actos da Fundación Abanca a partir das oito do serán.
Tal e como explica a responsable da Comisión de Sanidade, Encarna Amigo, “queremos que sexan os profesionais os que transmitan de primeira man os seus coñecementos sobre asuntos de interese sanitario aos asistentes”. Neste caso, será a doutora Raquel Barbosa, do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do HULA, a que explique os posibles efectos deste gas sobre a saúde dos lucenses; ademais de analizar a súa presenza en Galicia e expoñer as medidas a tomar para evitar as súas altas concentracións no interior das vivendas”, indica.
A doutora Barbosa, que centrou a súa actividade investigadora na análise do efecto do radon sobre a saúde, recordará que este gas é considerado como carcinóxeno humano pola Axencia Internacional do Cancro debido ao seu efecto demostrado sobre o cancro de pulmón que, á súa vez, é un importante problema de saúde pública en Galicia ao supoñer unha das principais causas de morte despois das enfermidades isquémicas do corazón e as enfermidades cerebrovasculares. É máis, o radon é a segunda causa deste tipo de cancro despois do tabaco e a primeira no caso de persoas non fumadoras. Con todo, advertirá tamén da súa asociación con outras patoloxías.
A súa incidencia en Galicia é palpable tendo en conta que o radon é un gas incoloro que se acumula en lugares pechados coma vivendas ou espazos de traballo e que se xera pola desintegración do uranio cando a nosa comunidade é unha zona con alta presenza de minerais ricos neste elemento.
Ante esta situación, a doutora Barbosa proporá medidas útiles para evitar as altas concentracións deste gas no interior das vivendas coa finalidade de diminuír os riscos sobre a nosa saúde.
Achegando o Partido aos lucenses
O PP da provincia de Lugo, con este encontro, da un paso máis no obxectivo de achegar o Partido á cidadanía e de coñecer as principais fortalezas e debilidades tanto dos distintos axentes sociais e económicos, como dos sectores que operan na sociedade.
Neste caso, a Comisión de Sanidade no seu conxunto traballa para levar a cabo novas iniciativas neste eido despois de achegar información recentemente sobre a importancia da vacinación ante o virus da gripe.