Partido Popular de Lugo

O PP de Monterroso organízase e programa as actividades do vindeiro trimestre

12, novembro, 2018. A xestora do PP de Monterroso encabezada polo seu presidente, José Vence, mantivo unha reunión a pasada semana con membros da directiva provincial e a representante do Grupo Municipal Popular, Pilar Varela, para tomarlle o pulso á actualidade municipal e fiscalizar o traballo do Goberno local; ademais de organizar as actividades que os populares levarán a cabo durante o vindeiro trimestre en Monterroso.

 

Así, a reunión de traballo serviu para analizar a xestión do actual rexedor local que “a piques de rematar o mandato, non cumpriu nin unha cuarta parte do que prometera no seu programa electoral”, afirma Vence.

 

O presidente da xestora do Partido Popular de Monterroso indica que “son moitas as necesidades do municipio ás que o alcalde non atendeu nestes case catro anos”. Os exemplos máis destacados das actuacións que non se levaron a cabo son “o plan de urbanismo do casco antigo de Monterroso ou a apertura da piscina”.

 

Vence engade tamén que “hai moitas pistas no rural sen arranxar” e “as actuacións efectuadas neste sentido foron grazas á Xunta de Galicia”.

 

Xuntanza con afiliados e simpatizantes

Entre os actos previstos para as vindeiras semanas, a xestora do PP de Monterroso está a organizar unha xuntanza con afiliados e simpatizantes nunha cea que se desenvolverá o venres 14 de decembro no Pazo de Ludeiro.