Partido Popular de Lugo

Santiago Cubillas repite como candidato do PP á alcaldía de Láncara

10, novembro, 2018. Santiago Cubillas repite como candidato á alcaldía de Láncara. Así o trasladou a presidenta provincial do PP, Elena Candia, ao remate dunha comida-homenaxe aos concelleiros do Partido Popular en Láncara dos pasados mandatos.

 

Candia trasladou aos homenaxeados o seu agradecemento “polo traballo desenvolto no municipio como parte do Goberno local e os anos de dedicación para dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas de Láncara”. A dirixente dos populares de Lugo asegurou, así mesmo, que “os veciños que traballan polos demais con vocación e dende o corazón son os que dan sentido ao Partido Popular”.

 

A presidenta provincial cre que “o traballo é o mellor aval”. Así, puxo en valor “o traballo dende a oposición dos populares de Láncara, e do seu voceiro en particular, que demostra o seu compromiso co municipio ao longo destes catro anos facendo unha oposición construtiva e empregando as ferramentas ao seu alcance para dar trámite ás peticións dos veciños”. Con “traballo xa feito”, a presidenta do PP da provincia convidou a todos a “seguir traballando xuntos para recuperar a alcaldía. Se queremos volver a gañar, ten que ser con todos porque entre todos formamos un equipo”, defendeu.

 

 

Homenaxeados

O acto, que contou coa presenza do conselleiro de Medio Rural, José González, e se celebrou no polifuncional do Campo da Feira da Pobra de San Xiao, serviu para render homenaxe ás persoas que formaron parte da corporación municipal en Láncara nos pasados mandatos: Julio Iglesias, farmacéutico falecido da Pobra; Manuel Castro, casa Monarca de Mourillón; Odón Farelo, casa Enriqueta de Láncara, tamén falecido; Jesús Folgueiras, Aixor de Toirán; Begoña Rivera, da Pobra; Manuel Pallares, Ventura de Armea; Amador López, de Monseiro; José Manuel Álvarez, de Cedrón; María Pilar Toirán, da Pobra; e Andrés Caballero, da Pobra.

 

Santiago Cubillas

Santiago Cubillas é natural de León onde estudou Veterinaria. Vive na Pobra de San Xiao dende fai máis de dúas décadas. É veterinario de profesión e, como tal, colabora coa Facultade de Veterinaria da USC. É o fundador da Asociación de Defensa Sanitaria (ADS) de gando vacún Río Neira, a primeira destas características constituída na provincia.

 

Repite como candidato á alcaldía de Láncara á que tamén se presentou nas pasadas eleccións municipais do 2015 tralo anuncio do ex rexedor popular, Eladio Capón, co que comunicaba a súa intención de non repetir despois de 30 anos á fronte do consistorio. Dende entón, Cubillas é o voceiro do Grupo Municipal Popular..