Partido Popular de Lugo

O presidente da Xestora do PP de Burela ten previsto reunirse co Delegado da Xunta para tratar a situación do CEIP “Virxe do Carme”.

Burela, a 10 de novembro de 2018.- Manuel Rouco, presidente da Xestora do PP burelés, anunciou hoxe que vén de solicitarlle unha entrevista ao Delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, “para tratar sobre o estado do CEIP ‘Virxe do Carme’ e estudar as actuacións que a Xunta teña previsto realizar”.

Ademais, e “para ter toda a información e tratar as alternativas cos distintos membros da comunidade educativa do centro”, o presidente da xestora dos populares de Burela vén de concertar unha entrevista coa presidenta e membros da directiva da ANPA do “Virxe do Carme”, e tamén procurará reunirse coa dirección do Centro.

Manuel Rouco considera que “a situación que se ten xerado leva a actuar con serenidade e responsabilidade, pero tamén leva a tomar decisións correctas desde un punto de vista técnico”.

“Todo o contrario da actuación do alcalde, o Sr. Llano”, indica Rouco. “Coas súas declaracións e co seu xeito de actuar, reprochándolle ao Delegado da Xunta que cumpra co seu cometido como responsable do Goberno Galego na provincia, ou sexa, reprochándolle que fale cos axentes educativos e que aporte solucións, o propio Llano se desautoriza e se deslexitima a si mesmo para ser canle de diálogo coa Xunta. Polo que se ve, a Llano non lle gusta que o Delegado da Xunta aporte solucións, o que resulta inaudito. O alcalde de Burela resulta ser o primeiro alcalde que rexeita aportacións e axuda de outras administracións e iso incapacítao para falar con ninguén”.