Partido Popular de Lugo

Os populares de Burela aseguran que o responsable dos problemas no Centro de Atención Temperá é o alcalde

Burela, a 9 de novembro de 2018.- “Os responsables dos problemas coa praza de logopedia do Centro de Atención Temperá son o alcalde, o Sr. Llano, e a ata hai pouco concelleira de Economía, a Sra. Otero, por non prever nos presupostos municipais a asignación suficiente para a cobertura dese posto de traballo sabendo que a Xunta vén cumprindo escrupulosamente coa concesión da subvención”, aseguran desde o Grupo Municipal Popular burelés ante a situación xurdida no indicado Centro no relativo á praza de logopedia.

Os populares afirman que “esta situación ten moitas semellanzas con outros postos de traballo que hai no Concello e que están cubertos con subvención, pero que se prevén debidamente nos seus presupostos anuais aínda que a subvención non chegue a principios de ano. Polo tanto, o alcalde deberá tomar nota de cara aos presupostos de 2019 e facer as cousas con xeito para non provocar esta situación de ausencia de logopeda nun centro tan importante coma este”.

O Grupo Municipal Popular burelés considera que “non incluír nos presupostos de 2019 o abono do soldo da persoa que ocupe ese posto é condenar ao Centro a repetir esta situación cando a Xunta está enviando os cartos todos os anos, como tamén os envía para abonar outros soldos de persoal municipal cubertos con subvencións da comunidade autónoma”.

Os populares de Burela consideran que “o PSOE non ten interese real neste centro e con esta situación só busca confrontación coa Xunta. E non ten interese real porque o PSOE nunca fixo nada por este centro. Tanto é así que o centro foi asumido polo Concello de Burela no ano 2006 con goberno municipal do PP e con goberno municipal do PP cambiou a súa ubicación en 2014. O alcalde, o Sr. Llano, deberá esquecer a confrontación e, xa que non fai nada por mellorar o Centro de Atención Temperá, polo menos non debe poñer trabas para o seu correcto funcionamento”.