Partido Popular de Lugo

Os populares achegan aos empresarios e autónomos lucenses as medidas que defenden no Senado “fronte á subida de impostos do Goberno de Sánchez”

9, novembro, 2018. Os senadores populares da provincia de Lugo participaron este venres nunha reunión con empresarios e autónomos da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) do sector industrial, sanitario e do transporte para trasladarlles as iniciativas que o Grupo Popular logrou aprobar na Cámara Alta fronte ás medidas propostas polo Goberno de Pedro Sánchez que pretende “conducir aos autónomos a un burato”; xa que “o 70% das subidas de impostos do plan orzamentario vai dirixido ás pequenas e medianas empresas e ás clases medias”. Así o expuxo o portavoz adxunto do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, que estivo acompañado doutros senadores populares lucenses e o candidato do PP á alcaldía de Lugo, Ramón Carballo, que tamén avogou por defender os intereses dos empresarios e autónomos lucenses.

 

As iniciativas dos populares pretenden reverter a situación e, para iso, piden ao Goberno a rebaixa da presión fiscal sobre o traballo, concretamente en relación ao IRPF e as cotizacións sociais, “antes de que os autónomos, as pequenas e medianas empresas e as clases medias en xeral sexan incapaces de soster a situación”. A este respecto, Barreiro indicou que “a subida da cotización dos autónomos prevista polo Goberno de Sánchez suporá que os lucenses paguen 10,5 ou 11 millóns de euros máis ao ano”. Pero, a este incremento na cotización hai que engadir outros 6 millóns máis que suporía o incremento da tributación sobre o diésel que empregan os máis de 180.000 vehículos da provincia sen ter en conta a repercusión das bonificacións dos que se benefician os sectores agrícola ou do mar”. En total, “os empresarios e autónomos lucenses terían que facer fronte a un gasto de 16 ou 17 millóns de euros máis ao ano”, apunta Barreiro.

 

Ante esta situación, e en beneficio das pequenas e medianas empresas, dende o Partido Popular defenden baixar os tipos e simplificar as deducións no imposto sobre sociedades para recuperar a recadación que se tiña por ese tributo antes da crise e rebaixar o volume de facturación por módulos aos autónomos sen un acordo coas asociacións que os agrupan; xa que “neste momento de desaceleración económica é contraproducente”.

 

Por outra banda, os senadores populares lucenses posicionáronse contra a suba da tributación ao diésel e pediron a eliminación da tributación por sucesións e doazóns “porque supón unha dobre imposición” de igual modo que o imposto sobre o patrimonio.

 

Os populares pídenlle tamén ao Goberno socialista dende o Senado que “respecte o acordo firmado o 26 de decembro de 2017 polas organizacións sindicais e empresariais en canto á subida do Salario Mínimo Interprofesional”.

 

Medidas a favor dos autónomos e a actividade emprendedora

“Tendo en conta a importancia do colectivo de traballadores autónomos para a xeración de emprego, riqueza e actividade produtiva, o Partido Popular tense comprometido e adoptado medidas de respaldo que deron como resultado a mellora das condicións dos traballadores por conta propia e da actividade emprendedora, así coma a creación de emprego autónomo”, segundo afirma Barreiro.

 

A aposta do Goberno do Partido Popular quedou materializada coa Lei 6/2017 de 24 de outubro de Reformas Urxentes do Traballo Autónomo; pero os populares cren que “hai que seguir avanzando no apoio á actividade emprendedora”.

 

É por iso polo que pedirán ao Goberno, tras aprobar unha moción do Grupo Popular, garantir a desvinculación da subida do Salario Mínimo Interprofesional da base mínima de cotización do Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA); así coma aprobar unha cota reducida para aqueles autónomos con ingresos que non excedan o SMI no cómputo anual.

 

Igualmente, os populares proporán ao Goberno de Sánchez a través da Cámara Alta “manter as tarifas planas así comas as bonificacións e reducións na cotización dos autónomos previstas na Lei de Reformas Urxentes do Traballo Autónomo”; ademais de “cumprir coa Disposición Adicional Primera desa mesma lei relativa á participación dos traballadores autónomos no Consello Económico e Social”.