8, novembro, 2018. O voceiro do Grupo Municipal do PP en Xermade, Antonio Riveira, critica que o rexedor local, o socialista Roberto García, non cumpra os acordos plenarios que suporían beneficios para os veciños e veciñas. Así, o popular lamenta que “o Goberno local non vaia a redactar unha ordenanza municipal que recolla novas bonificacións sobre o Imposto de Bens Inmobles (IBI) tal e como se comprometera no Pleno do 14 de abril do 2016 cando se aprobara por unanimidade unha moción do Partido Popular que recollía a bonificación na cota íntegra para as edificacións de uso agrogandeiro e do sector primario en solo rústico, ao igual que no solo de núcleo rural”.
“A día de hoxe, e xa pasaron dous anos e medio, o señor alcalde non levou ningunha ordenanza a ningunha sesión plenaria que recollera o aprobado por unanimidade polo propio Pleno con anterioridade. E nestas datas xa é materialmente imposible aprobala para que entre en vigor para o ano 2019”, indica Riveira.
O popular asegura que “o alcalde non se atreve a facer unha ordenanza municipal que regule o imposto de bens inmobles e, mentres, os veciños e veciñas do rural sofren distinto trato”. Así, mentres non se establezan novas bonificacións para os titulares de edificacións situadas en solo rústico, “estes pagan cinco veces máis que outros titulares de edificacións situadas en núcleo rural, cando as primeiras se atopan desfavorecidas no que respecta ás comunicacións e outros servizos”, explica Riveira.
O Grupo Municipal Popular de Xermade considera que “co obxectivo de continuar a beneficiar aos veciños e veciñas, a bonificación debería recoller máis tipos de edificacións e instalacións”. Os populares lamentan, ante a falta dunha ordenanza neste sentido, “que as explotacións gandeiras do municipio estean a facer fronte a recibos do IBI e regularizacións de anos anteriores de importantes cantidades económicas”.
Igualmente, “esta situación afecta aos titulares das instalacións deportivas que pertencen a sociedades deportivo-culturais sen ánimo de lucro coma a SDC Roupar que ten que facer fronte a unha reclamación por importe superior a 6.000 euros por atrasos ademais dos recibos anuais de arredor de 1.800 euros. Esta situación déixaa ao borde da desaparición ao non poder facer fronte a tales gastos”, apunta Riveira.
En beneficio destes colectivos, os populares propuxeron ao Goberno local a implantación doutras medidas coma a convocatoria de subvencións nominativas que suplisen a súa falta de previsión na aplicación de bonificacións coas que paliar estas cargas económicas a gandeiros e titulares de instalacións deportivas.
O PP preguntou reiteradamente pola elaboración dunha nova ordenanza do IBI
O voceiro dos populares no municipio xa preguntara no pleno do 7 de decembro de 2016 por que non estaba xa feita a ordenanza para poder aplicala para o ano 2017. “Daquela o alcalde, tal e como consta en acta, dixo que non tiña información ao respecto e o concelleiro de urbanismo tamén dixo que non”, recorda Riveira.
Igualmente, no pleno do 14 de decembro de 2017 o Grupo Municipal Popular dirixiuse de novo ao Goberno local para interesarse polos motivos da súa inacción ao respecto, pero tamén para coñecer as actuacións previstas e os costes que suporía a aplicación desta bonificación. Nesta ocasión, segundo explica o popular, “o alcalde argumentou que co novo PXOM –aínda en tramitación- se reducirían os núcleos. E tamén asegurou que non sabía a contía que suporía e que a bonificación habería que estudala”.
Falta de traballo do Goberno socialista
Ante a reiterada inacción e a imposibilidade material para aprobar unha ordenanza que recolla para o 2019 estas bonificacións, “queda en evidencia a falta de traballo e a mala xestión do equipo de Goberno socialista que completa a lexislatura obviando acordos do pleno. Agora será outro equipo de Goberno na próxima lexislatura o que teña que asumir os acordos en beneficio dos veciños e veciñas de Xermade”, conclúe o popular.