Partido Popular de Lugo

Os populares pídenlle ao Concello de Cervantes máis medios para o dispositivo de inverno

30, outubro, 2018. O Partido Popular de Cervantes pídelle ao Goberno municipal a contratación de máis recursos para a limpeza de vías e outros arranxo ante as importantes desfeitas que provocou o último temporal de neve porque “neste momento o Concello non ten os recursos suficientes”.

 

A este respecto, os populares propoñen a contratación de brigadas de persoal ou de empresas externas que dean resposta a esta necesidade; xa que “o Concello de Cervantes durante todos estes anos non investiu o suficiente en recursos para atender este tipo de problemas”. É máis, “o alcalde rexeitou a oferta dun segundo tractor por parte de Medio Rural. Un erro”, segundo consideran dende o PP local.

 

O Grupo Municipal Popular tamén lle pedira o ano pasado ao Concello, a través dunha moción aprobada por unanimidade no Pleno, que solicitara un camión quitaneves á Deputación en exclusiva para Cervantes “posto que temos poucos recursos e unha extensión de 275 km²”. Pero, diso “non sabemos nada de nada”.

 

“Estas peticións –indican dende o PP cervantego- responden á necesidade de axilidade ante este tipo de acontecementos”. “A neve provocou grandes destrozos que non se arranxan ao 100% tan pronto. Esperemos que non volva nevar proximamente porque, neste caso, a situación podería empeorar”, segundo avanza o voceiro popular, Javier Santín.

 

O popular explica que “o Concello aínda estaba a realizar os desbroces e non tiña previsto ningún tipo de dispositivo de inverno” a pesar de que dende o PP xa advertimos en xuño de que os labores de desbroce tiñan que estar rematadas a finais de setembro para comezar a preparar o dispositivo para o inverno”. Isto demostra “unha vez máis, a falta de organización do Concello”.

 

 

Ante iso, o PP de Cervantes pon en valor a axuda dos veciños nos labores de restablecemento dos accesos ás aldeas. Santín asegura que “é un orgullo, unha vez máis, o esforzo dos veciños por traballar cos seus medios polo ben común”.

 

Máis medios tamén na Deputación

Santín xa lle pediu ao rexedor local que traslade á Deputación Provincial a necesidade de incrementar os seu medios porque, “tres días despois das primeiras nevaradas, os servizos provinciais seguen desbordados e, polo tanto, sen dar solución aos problemas das vías que impiden o desenvolvemento habitual dos labores dos veciños e veciñas de Cervantes”.