Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP consegue que o servizo de recadación sexa a custe cero para os concellos da provincia, polo que contarán así con máis recursos

24 de outubro, 2018. O Grupo Provincial do PP conseguiu no pasado Pleno que o Goberno provincial estudara baixar ao 0% a compensación económica recadada polos concellos en fase voluntaria, polo que a Corporación acordou deixar a proposta do PSOE sobre a mesa á espera de ter un estudo dos custos actualizados que permita levar a cabo a petición dos populares. A proposta irá ao Pleno do martes.

 

Esta medida supón que a Deputación preste o servizo a custe cero para os municipios e estes non teñan que facer entrega do 1% do recadado en fase voluntaria, o que permite que os concellos teñan máis liquidez. En concreto, supón inxectar preto de 600.000 euros para os concellos da provincia. “Pode parecer pouco, explicou a voceira do PP, Elena Candia, pero é máis do que recibían algúns dos concellos gobernados polo PP na época do besteirismo ou na proposta de Orzamentos que Darío Campos presentou no ano 2016”.

 

“Unha vez máis é o Partido Popular o que consegue melloras substanciais para esta provincia e para a súa veciñanza, como así fixo ao propoñer o Plan Único, o Plan de Estradas ou o Plan de Reequilibrio que puxemos en marcha cando gobernamos”.

 

12 anos sen ofrecer unha solución

A voceira do PP, Elena Candia, tivo tamén palabras de apoio para os empregados do servizo, ao tempo que puxo en valor o traballo da unidade de recadación da Deputación de Lugo. Os populares solidarízanse cos empregados polas circunstancias nas que se atopan cunhas condicións de traballo infrahumanas e recordaron a súa proposta para que este servizo se prestara noutras dependencias, en concreto no edificio que a Cámara de Comercio tiña na cidade. Mentres, os socialistas preferiron seguir pagando un elevado aluguer sen mellorar as condicións nas que desenvolven o seu traballo os empregados públicos.

 

A proposta do PP

En concreto a emenda que o PP presentou no pasado Pleno referíase á modificación das bases terceira, décima, décimo primeira e décimo segunda das Bases que rexen a aceptación e asunción, por delegación expresa, de competencias en materia de xestión, inspección e recadación en relación a tributos, prezos públicos e outros ingresos de dereito público.

 

Recadación dos tributos municipais gratuíta

A primeira vez que se eleva a moción ao Pleno foi cando gobernaba o PP en xullo de 2015 para deixar como inembargable a vivenda habitual e o PSOE fixo unha emenda de substitución e solicitou o que pedimos hoxe, unha modificación para que o custo cero fora aplicado a todos os concellos e a Deputación non teña compensación pola xestión destes impostos.

 

Os populares defenderon xa cando gobernaban que a xestión de tributos municipais por parte da Deputación de Lugo se ofrecese a custo cero. Así, durante o Goberno de Elena Candia os populares realizaron as xestións oportunas e contaban cos informes económicos e xurídicos favorables para garantir a xestión de recadación dos tributos municipais de xeito gratuíto.

 

Os populares recordan que as bases irán ao Pleno o martes por sexta vez. A primeira vez tráese cando gobernaba o PP en xullo de 2015 para deixar como inembargable a vivenda habitual e o PSOE fixo unha emenda de substitución e solicitou o que pedimos hoxe, unha modificación para que o custo cero fora aplicado a todos os concellos e a Deputación non teña compensación pola xestión destes impostos. O PP carecía dese estudo e non se aceptou a demanda de substitución e o PSOE e o BNG votaron en contra. Logo unha segunda vez en setembro do 15 hai unha nova proposta do PP no Goberno con todos os informes favorables do servizo de recadación para propor o que pedía o PSOE en xullo, que era o custe cero.

 

O PSOE e o BNG emendáronse e votaron en contra desta proposta e cos informes a favor. A terceira foi en outubro de 2015 xa co PP na oposición e traemos a proposta do custe cero e foi votada en contra; e a cuarta en decembro de 2015 tamén o PSOE fai unha proposta igual que as do PP e o custo cero non chega, senón que baixa do 3 ao 1%. Naquel pleno o PSOE pedía o apoio a aquela proposta e un pouco de tempo en aras a lograr o custo cero que era o auténtico obxectivo cando a institución cambiou “a un goberno progresista”, tal e como eles mesmos dixeron.

 

O custo cero non podía ser apoiado porque, tal e como defenderon, ían ter un custo engadido polo cambio de ubicación do servizo de recadación e a compra dun novo programa informático. Non aceptan a proposta do PP de custo cero pero facilitamos a aprobación porque supuña unha inxección para os concellos e confiamos na boa vontade e no compromiso de acabar o custo cero en breve espazo de tempo. Pasaron xa tres anos. E así chegamos ao día de hoxe no que conseguir esta proposta supón unha mellora importante para todos os concellos e unha inxección directa para as arcas municipais.