Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP urxe a Campos a presentar unha proposta de Orzamentos para comezar as negociacións

23 de outubro, 2018. O Grupo Provincial do PP urxe ao presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, a presentar un documento de traballo, unha proposta de Orzamentos da Deputación de Lugo para o ano 2019 de cara a iniciar as negociacións cos grupos que forman parte da Corporación.

 

Os populares recórdanlle ao presidente que se atopa nun Goberno en minoría que precisa do apoio doutros Grupos Políticos con representación na institución para poder sacar adiante unhas contas de cara ao ano próximo. O PP segue a ser o Grupo con maior representación na Deputación de Lugo, 12 deputados fronte aos 10 do PSOE.

 

Así mesmo, lembran que, tal e como recolle a Lei Reguladora das Facendas Locais (…) o presidente da entidade formará o presuposto xeral e remitirao, informado pola Intervención e cos anexos e documentación complementaria detallados no apartado 1 do artigo 166 e no presente artigo, ao Pleno da corporación antes do día 15 de outubro para a súa aprobación, emenda ou devolución.

 

“Desde o Grupo Provincial do PP non temos coñecemento de que os Presupostos vaian ser elevados ao Pleno da Corporación que se vai celebrar o vindeiro martes, nin o equipo de Goberno se ten posto en contacto cos populares para trasladar proposta algunha, a pesar de que xa superaron o prazo que marca a Lei para a súa aprobación”.

 

“Ata a data o único que existen son unhas declaracións do presidente de primeiros de outubro nas que asegura que están a elaborar o documento que someterán á valoración dos grupos, pero case un mes despois, o PP non recibiu ningunha proposta sobre a que traballar”.

 

Así, o Grupo Provincial Popular esíxelle a Campos unha proposta en firme para analizar e sobre a que poder iniciar as negociacións e o traballo de cara a recoller as demandas que formulen os grupos e que teñen trasladado tamén os veciños e veciñas ao longo deste ano, asociacións e colectivos, así como os alcaldes da provincia.