Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP pedirá a implicación do Goberno do Estado para manter a actividade e o emprego das centrais de Alcoa en San Cibrao, A Coruña e Avilés

22 de outubro, 2018. O Grupo Provincial do PP presentará unha moción ao Pleno que a Deputación de Lugo celebrará o vindeiro martes día 30 na que pedirá o apoio da Corporación para demandar a implicación do Goberno do Estado para manter a actividade e os empregos das centrais que o Grupo Alcoa ten en San Cibrao, A Coruña e Avilés.

 

Os populares instan ao Goberno de España, dirixido por Pedro Sánchez, a ter en conta a importancia do número de empregos directos e indirectos que xeran estas plantas no seu territorio, nomeadamente na Mariña onde esta industria supón un emprego directo de máis de 1.100 traballadores, aos que sumar 700 empregos auxiliares e miles de postos de traballo indirectos en toda a comarca.

 

Os populares consideran que tanto San Cibrao, como A Coruña e Avilés comparten “un problema común”, polo que piden a unión das forzas para conseguir acordos útiles con independencia de cores políticas que favorezan a continuidade do emprego e da actividade da empresa.

 

Petición de novos investimentos

Así mesmo, desde o Grupo Provincial do PP pedirase a colaboración do Executivo dirixido por Pedro Sánchez de cara a poder realizar novos investimentos en Alcoa A Mariña, de maneira que se garanta a súa continuidade, así como a dos empregos que xera.

 

Na súa iniciativa os populares amosan e trasladan o seu respaldo unánime aos traballadores e traballadoras do Grupo Alcoa, así como o rexeitamento ao peche das factorías de A Coruña e Avilés. Agradecen ademais as xestións iniciadas desde o primeiro momento polo Goberno galego, cuxo presidente mantivo xa unha reunión co seu homólogo asturiano, Javier Fernández.

 

Desde o Grupo Provincial Popular consideran preciso e urxente conformar unha fronte institucional común en defensa do emprego e do mantemento da actividade industrial de Alcoa, polo que consideran “de vital importancia” contar co apoio e a implicación do Goberno de España. Polo anterior, solicitarán que o texto da moción sexa convertido en declaración institucional da Deputación de Lugo.