Partido Popular de Lugo

O Presidente local do PP salienta o investimento récord da Xunta en Lugo nos orzamentos de 2019

19 de outubro, 2018. O presidente da Xunta local do PP Ramón Carballo valorou de forma positiva os orzamentos da Xunta para o ano 2019 manifestando que “cumpren cos compromisos e atenden ás necesidades dos lucenses en distintos ámbitos”. Nesa liña, Ramón Carballo salientou o esforzo inversor para impulsar os proxectos do Centro de Saúde Integral (5,25 M€), a oficina de emprego do barrio da Residencia (1M€) e da central de biomasa (500.000 €). “Feijóo cumpre coa palabra dada e se materializan os compromisos con partidas concretas coa idea de reactivar económica e socialmente este barrio”, matizou.

 

Nos orzamentos de 2019, apréciase o “a sensibilidade do goberno galego en materia educativa”. Nese senso, Ramón Carballo destacou a achega económica de 2.588.800 € que se destinará para o novo colexio do Sagrado Corazón. O popular avanzou que a licitación desta obra será unha realidade a final deste ano ou principios do 2019.

 

Para o presidente local estes orzamentos son un exemplo de que “o esforzo inversor de anos anteriores prolóngase en actuacións como o desdobramento do corredor Nadela-Sarria (1M€), o Plan Paradai (450.000 €), o equipamento do novo auditorio (391.019 €) o impulso do laboratorio de saúde pública (552.907 €), os programas da Axencia Galega de Infraestructuras (450.000 €), a estación intermodal (30.000 €) ou programas de control e erradicación das EETS (165.600 €). Canto a actuacións de protección no patrimonio cultural tamén figura unha achega de máis de 270.000 € para conservación da muralla.

 

Carballo indicou que “a todo isto hai que engadir o investimento de 18 M€ do polo aeroespacial de Rozas e que supón un dos maiores investimentos que prevé a Xunta para 2019 e que tamén beneficiará a economía local”.

 

O Presidente local matizou que “estes son proxectos concretos, con nome e apelidos, aos que hai que engadir outro tanto do investimento previsto nos programas que están sen territorializar”.

 

O popular recalcou que “son uns orzamentos autonómicos feitos con criterio, axustados ás necesidades dos lucenses á vez que responden a unha folla de ruta programada na que se estableceron unhas prioridades claras”.

 

Ramón Carballo concluíu “a nosa valoración das contas da Xunta para o vindeiro exercicio económico non pode ser máis que positiva xa que, aínda que somos conscientes de que non está todo o que quixéramos, se marcaron prioridades para rematar cos proxectos iniciados como completar dotacións no barrio da Residencia, construír o novo colexio do Sagrado Corazón ou impulsar o polo aeroespacial de Rozas”.

 

O Presidente do PP de Lugo matizou que estamos diante “duns orzamentos realistas para que non queden en papel mollado ou se retrasen sine die como ocorre en Lugo coas dotacións que dependen única e exclusivamente da alcaldesa en alusión á biblioteca da Piringalla, o ascensor do Sagrado Corazón, praia fluvial, unión do paseo Miño-Rato …”.