Partido Popular de Lugo

“Llano esquece cousas básicas da vida municipal”, aseguran os populares de Burela

Burela, a 19 de outubro de 2018.- O Grupo Municipal Popular burelés reiterou hoxe que “Llano desatende as cousas básicas da vida diaria municipal, mesmo daquelas que danan a imaxe corporativa do Concello. Se se dera unha volta de noite, con calma, por certas rúas de Burela vería que hai báculos de alumeado público sen brazos e, polo tanto, sen luz ou ordenaría modificar a web oficial do Concello, www.burela.org”.

Os populares indican que “calquera cidadán de Burela que acostume a darse un paseo nocturno pode verificar que en Arcadio Pardiñas hai báculos de alumeado público, que costaron cada un 2.000 euros na época do bipartito, que están sen os brazos da luminaria e, polo tanto, están inutilizados. Pero o mesmo pasa en Concepción Arenal, Castelao ou nas Casas Baratas. E así levan meses, ante a pasividade do alcalde e do seu tenente de alcalde, o Sr. Fernández Rey, demostrando unha ineficacia absoluta para abordar os problemas do día a día”.

Web municipal

Desde o Grupo Municipal Popular alertan da “falta de tacto e consecuentemente mal gusto do alcalde” como máximo responsable municipal á hora de manter a web oficial do Concello. “De mal gusto porque hai un ano desgraciadamente faleceu un membro da corporación que tiña unhas funcións determinadas e foi substituído por unha nova concelleira. Pero, no momento no que se redacta esta nota de prensa, na web oficial do Concello, www.burela.org, non se fixo o cambio correspondente. Isto parécenos, sendo benévolos, unha falta de respecto absoluto polo concelleiro falecido e pola concelleira substituta. Algo que ao noso xuízo é totalmente impresentable e demostración dun pasotismo insultante”.

Os populares pídenlle ao alcalde e ao seu Goberno “que gobernen dunha vez. Levan tres anos e cinco meses rascándose o bandullo e esquecéndose do fundamental: de ter as cousas da vida municipal debidamente atendidas e ao día. E mentres tanto, Burela perdendo o tren do futuro”.