16, outubro, 2018. Os populares de Monforte preguntarán no vindeiro Pleno municipal polas medidas que ten tomado o Concello para reclamar a reparación dos danos ocasionados no castro e nas vías municipais de Chavaga polos madeiristas que procederon a retirar a madeira queimada o ano pasado por mor da vaga de lumes.
A voceira municipal, Julia Rodríguez, lamenta que “despois de dous meses nin o señor Tomé nin o concelleiro de Obras teñan tomado ningunha iniciativa ao respecto dos danos provocados pola maquinaria pesada tanto nos muros de pedra do propio castro coma nos camiños municipais e na ladeira do monte tal e como temos comprobado dende o Grupo Popular Municipal”.
Necesidade dunha ordenanza municipal
É máis, os populares cren que o Concello debe elaborar unha ordenanza que regule a extracción de madeira dos montes do municipio a través dos camiño e espazos públicos. Existe xa un borrador elaborado polo anterior Goberno que non chegou a aprobarse. Pero, ante casos coma este, “faise necesaria unha regulación municipal que permita esixir a corrección dos danos causados polos traballos de extracción de madeira”, manifestan dende o PP local avanzando que “pediremos de novo a elaboración dunha ordenanza nese sentido”.
Monforte e os castros
O termo municipal de Monforte conta con multitude de castros: en Baamorto e Cinsa, Caneda, Fabeiro, Chavaga, Fiolleda, Marcelle, o de San Vicente en Monforte, os de Moreda, o das Nocedas, o da Parte, o da Penela, o do Cornao, os de Reigada, Rozavales, o Eivedo, Tor, Sindrán, a Vide, Vilamarín, etc.
Julia Rodríguez engade que “moitos atópanse sen catalogar e outros, probablemente, sen descubrir. Pero todos eles forman un conxunto de poboados fortificados que dan conta do pasado castrexo das nosas suaves montañas do interior dende finais da Idade de Bronce e que integran o noso importante patrimonio histórico e cultural”.
“Tristemente a situación dos castros sen catalogar e daqueles que poidan permanecer aínda sen descubrir, favorece que poidan sufrir danos, en ocasións, irreparables”. Precisamente, o castro de Chavaga “é un destes que non están á vista, pero que a memoria popular e mesmo a súa orografía rebelan a súa importancia e o seu tamaño”, explican dende o PP local.