Partido Popular de Lugo

Os populares bureleses aseguran que “a recadación por sancións de tráfico no que vai de 2018 é xa de 64.530’03 euros: tres veces e media máis que en 2017”

Burela, a 15 de outubro de 2018.- O Grupo Municipal Popular burelés fixo públicas hoxe as recadacións do Concello de Burela derivadas das sancións de tráfico nos anos 2016 e 2017 e no que vai do presente 2018 ata o 25 de setembro tras solicitar por escrito o pasado 24 de setembro os datos da recadación por multas neste período.

“Segundo os datos aportados ao día seguinte polo propio alcalde, en 2016 a recadación foi de 13.765’22 euros. En 2017 a recadación no total do ano por multas de tráfico foi de 18.862’31 euros. E para o presente ano, a recadación a 25 de setembro está xa en 64.530’03 euros. Iso quere dicir que en nove meses a recadación é xa do 342%, ou sexa, tres veces e media máis con respecto ao total recadado en 2017”, indican dende o PP local.

A xuízo dos populares, “Llano quere recadar a base de multas de tráfico. Todo apunta a que o alcalde parece ter necesidade de facer actuacións de cara ás eleccións de maio do ano vindeiro e que está arreando forte ás multas de tráfico para acadar cartos. Non se sabe se os gastará con finalidade electoral, pero deixa en evidencia, en calquera caso, a inconsistencia dun alcalde que é capaz de empregar calquera mecanismo ou manobra para pasar por encima dos veciños que ven como cos seus cartos e impostos pagan os antollos de Llano. Antollos que, por outra banda, probablemente non reporten ningún beneficio á cidadanía”.

Políticas de tráfico nada “equilibradas, sensatas nin pensadas”

Para o Grupo Municipal do PP de Burela, “os datos de recadación do que vai de ano demostran que as políticas de ordenación do tráfico dos socialistas pasan non so por desoír as demandas dos veciños, coma por exemplo a supresión de dous pasos de peóns en Arcadio Pardiñas onde se eliminaron tamén zonas de carga e descarga; senón tmaén pasan polas sancións. Ou sexa, as políticas de tráfico de Llano e dos socialistas pasan por calquera cousa menos polas actuacións equilibradas, sensatas e pensadas”.