12, outubro, 2018. O voceiro popular da Pontenova, David Álvarez, critica que “o Goberno local gaste diñeiro público en pagar multas e costas de xuízos perdidos. O último caso é o dunha infracción tributaria imposta por Augas de Galicia e que ascende a 41.074 euros polo canon da auga”.
Álvarez explica que “para facer fronte a este pagamento o Goberno local aprobou unha modificación de crédito correspondente ao número 356/2018. Pero, dende o PP local inciden en que “esta non é a primeira vez que o Concello ten que facer fronte a este tipo de pagamentos”. Tal é así que “xa tivo que pagar as costas dun xuízo perdido contra Sogama”, recorda o voceiro popular da Pontenova.
Nese sentido, os populares do municipio lamentan “o prexuízo para as arcas municipais que supoñen este tipo de multas que veñen da man do rexedor socialista que ter por costume tomar algúns asuntos municipais de xeito persoal”. Álvarez explica, neste sentido, que “somos os veciños e veciñas os que temos que pagar polas decisións persoais do alcalde socialista”.
O PP, a voz dos veciños
Álvarez considera, a este respecto, que “é a nosa obriga, como grupo da oposición, dar a coñecer aos veciños e veciñas en que está a gastar o Goberno local unha importante cantidade de diñeiro público que, doutro xeito, podería empregar en beneficio dos servizos públicos”.