Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP considera “inaceptable” que a Deputación de Lugo manteña numerosas infraestruturas pechadas pese ao investimento realizado

12 de outubro, 2018. O Grupo Provincial do PP considera “inaceptable” que a Deputación de Lugo manteña numerosas infraestruturas pechadas por toda a provincia pese ao investimento que se ten realizado nelas. Así, en concreto, os populares cren que “é un engano para a cidadanía” que se inauguraran residencias e centros de días de maiores xa no ano 2015 que, máis de tres anos despois, seguen sen entrar en funcionamento.

 

É o caso, precisan, de todas as residencias e centros de maiores programadas polo Goberno socialista xa no ano 2011. Así, pese a que moitas delas están rematadas e contan con todos os permisos, a Deputación de Lugo mantenas pechadas. Dos 14 centros comprometidos, nin un só está aberto. Os veciños da A Fonsagrada, Castroverde, Pol, Trabada, Pedrafita, Becerreá, Ribas de Sil, Navia de Suarna, Guitiriz, Meira, O Saviñao, A Pobra de Brollón, Folgoso e Portomarín seguen esperando.

 

As piscinas, tamén pechadas

O mesmo acontece con outras infraestruturas nas que o Goberno Provincial investiu millóns de euros, como é o caso da piscina de A Pastoriza ou a de Monterroso, que pese a estar ambas as dúas construídas desde hai tempo, a día de hoxe están cerradas e sen data para a súa apertura.

 

Desde o PP lamentan que os socialistas tiveran moita présa en facer fotos cos veciños e veciñas inaugurando parte destes centros para, finalmente, enganalos, “posto que todo o que quedou foi a foto e se perdeu o compromiso”. Tanto é así que a día de hoxe a Deputación de Lugo non foi capaz de dar unha data para a apertura das residencias. “O que si tiveron foi tempo para enredar gastando recursos incluso en cambiar as chaves dalgunhas residencias para mantelas igualmente pechadas”.

 

Os populares denuncian que algunhas delas incluso están consumindo recursos así pechadas, ao tempo que se están deteriorando pese a non estar en uso. “Adoptouse unha encomenda de xestión que supuxo un investimento de máis de 12 millóns de euros e os veciños e veciñas da provincia aínda non puideron desfrutar dunha soa praza nunha residencia, nun centro de día nin bañarse en ningunha das piscinas comprometidas polo Goberno socialista”.

 

Apuraron en facer a foto e non volveron

“Déronlles as costas aos veciños e veciñas cos que apuraron a facer a foto e tamén a todos os traballadores seleccionados para traballar nas residencias aos que nunca máis chamaron”, lamentan desde o Grupo Provincial do PP. “Evidencian que non teñen unha folla de ruta nin un modelo de xestión para as residencias, que ata tiveron que pagar 18.000 euros a unha empresa privada para o que deron en chamar ‘unha externalización estratéxica da especialidade’. Seguen consumindo recursos públicos, pero non son capaces de abrir un só centro.

 

Os populares censuran que a provincia se teña que acostumar a un Goberno que non cumpre. “Non cumpren os acordos aos que chegan entre eles, polo que moito menos cumprirán aqueles que fan cos lucenses, como así estamos vendo día tras día con este despropósito de edificios rematados e sen abrir”. “Só foron inauguralas para facer a foto e logo esquecéronse delas e dos veciños e veciñas”.

 

“A veciñanza e a provincia agradece que se fixeran os investimentos e que Campos e Besteiro inauguraran estas infraestruturas e foran de visita, pero máis lles van agradecer que as poñan en funcionamento e rematen co engano”, replican os populares.