Partido Popular de Lugo

Cubillas esixe unha “solución urxente” ante o “risco de derrubamento do camiño á beira das obras no rego de Os Baos”

12, outubro, 2018.- O PP de Láncara esixe unha “solución urxente” ante o “risco de derrubamento do camiño á beira das obras de canalización no rego do núcleo de Os Baos”. Segundo o voceiro popular, Santiago Cubillas, “o camiño está caendo cara ao rego despois da instalación dunhas tubaxes o pasado 27 de setembro e a súa retirada ao día seguinte”. De feito, “os propios operarios instalaron puntais co obxectivo de evitar o seu derrubamento”, indica.

 

O popular lamenta que “esta pequena obra estea a supoñer un novo problema”; xa que “o seu derrubamento suporía a obstrución do rego e, polo tanto, requiriría de novas actuacións tanto no camiño coma no rego causando máis prexuízos aos veciños e aumento o gasto de diñeiro público para esta obra”.

 

Obras de saneamento integral para Os Baos

Cubillas critica que “o alcalde non sexa capaz de solucionar esta situación” e pídelle que, “se non é capaz de facelo mellor, que o deixe como estaba”. Nesta liña, recorda que os populares lle teñen demandado ao Concello “obras de saneamento integral para a zona que ofrezan unha solución definitiva”. Nese caso, “sería preciso contar cos pertinentes permisos e partida orzamentaria correspondente; pero, a pesar de ser unha promesa electoral dos socialistas, non temos coñecemento de nada ao respecto despois de tres anos e medio”.

 

De feito, “o alcalde asegura non contar con proxecto técnico municipal, as actas da Xunta de Goberno nas que se abordaran estas obras de canalización dun rego no núcleo de Os Baos, a notificación á CHMS para informe sectorial nin permiso, se procedese, para executar esas obras”, segundo lle ten traslado ao voceiro municipal, Santiago Cubillas.

 

Así se recolle na resposta que o rexedor realizaba ao popular que previamente solicitara de xeito formal esa documentación trala instalación dunhas tubaxes na canle de auga existente a carón da pista o 27 de setembro e da súa posterior retirada ao día seguinte “sen explicacións ao respecto”. Nese sentido, Cubillas lamenta que “o rexedor gaste cartos públicos poñendo e quitando tubaxes causando, ademais, prexuízos aos veciños da zona. Esa non é a xestión que se merecen os veciños e veciñas de Láncara”, asegura.

 

Agradecemento á Xunta ante a reposición dunha liña de bus dende Lugo

O Partido Popular de Láncara agradece a decisión da Xunta de autorizar o reforzo da liña entre Lugo capital e a Pobra de San Xiao cunha nova frecuencia de luns a venres con saída dende Lugo ás 14.35 horas.

 

Os populares lembran que esta foi unha petición que liderou o presidente e portavoz do Grupo Popular en Láncara, Santiago Cubillas, quen incluso formulou unha petición por escrito rexistrada oficialmente ante o departamento de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia o pasado 17 de setembro.

 

Esta petición respondía a unha demanda do grupo de pais de alumnos de secundaria que solicitaban unha liña axustada ao horario lectivo. “Con esta nova liña, os estudantes do municipio que se desprazan a diario á capital da provincia serán os principais beneficiarios”, recorda o popular.

 

Descargar escrito

Descargar Documento 1

Descargar Documento 2