Partido Popular de Lugo

Santín considera “unha falta de valentía e unha irresponsabilidade” que o Concello non asumise a titularidade do albergue dos Ancares

9, outubro, 2018.- O voceiro do PP de Cervantes, Javier Santín, considera “unha falta de valentía e unha irresponsabilidade” que o Concello non aceptase a oferta do Clube Ancares para que a entidade local asumise a titularidade do albergue. Deste xeito, o popular lamenta que o equipo de goberno declinase facerse cargo do inmoble cando esta opción tiña un custo cero para as arcas municipais.

 

Santín afirma que “todos os veciños estamos moi apenados de que o alcalde deixara pasar esta oportunidade, sobre todo, porque o inmoble é un referente turístico do municipio, ao igual que o son as Pallozas de Piornedo, o Castelo de Doiras ou o Castro de Santa Mariña”, e defende que “sería moi interesante asumir a titularidade para quen debería ter a ambición de rehabilitar as infraestruturas e, posteriormente, conseguir o financiamento necesario para a súa posta en funcionamento”, destaca.

 

O albergue foi durante anos “unha mina” de afluencia de visitantes, polo que non acollerse á proposta do Clube é para os populares “unha decisión errónea, como o foi tamén no seu día non pelexar porque Cervantes fose zona de paso da A-6”.

 

O PP non o deixaría escapar

Neste senso, Javier Santín non dubida en recoñecer que, se fose o PP quen gobernase, “non o deixariamos escapar pois, se o Concello que é a administración máis próxima non o fai, quen o vai facer?”, pregúntase, ao tempo que engade: “É máis, a min non habería ningunha cousa que me satisfacese máis que poder contribuír a que estas instalacións seguisen funcionando, e que todos coñecemos polas súas vistas espectaculares e por estar situadas nun entorno inmellorable”. E é que segundo recollen os estatutos do propio Clube, tal e como lle trasladou Sánchez Carro a Santín, para a súa posta en marcha e co obxectivo de garantir a súa viabilidade no caso de que non fose posible por parte da entidade promotora, se lle ofrecería a súa titularidade, por esta orde, ao Concello, á Deputación e á Xunta de Galicia.

 

Por este motivo, lamenta que o Concello “non liderase esta iniciativa, ni presentase un proxecto ambicioso á Deputación, pois, posteriormente, podería ser ofrecido a outras empresas do sector, de tal xeito que a súa explotación daría un pulo á economía local”, defende.

 

O PP xa se pronunciou en marzo

Os populares xa se pronunciaron no mes de marzo ao respecto, instando ao equipo de goberno a aceptar a proposta do presidente da entidade, Alfredo Sánchez Carro. Desta forma daríaselle continuidade ao fin para o que foi creado o albergue, que está situado nun terreos que foran cedidos de forma gratuíta polos veciños de Cabanas e de Degrada coa condición de que os postos de traballo que se derivasen da súa explotación fosen ocupados por habitantes da zona.

 

Punto turístico de referencia

O inmoble, que pechou hai uns días, databa dos anos 60. Está situado a uns 1.360 metros de altura e é o punto de partida de roteiros tan coñecidos como o dos Tres Bispos; un itinerario a través do que se poden divisar os picos Mustallar e Pena Rubia, ademais de, nun horizonte máis lonxano, outros puntos da xeografía española como os Picos de Europa, Peña Ubiña ou as Médulas de León.